Elena Espinosa reclámalle ao goberno galego que incremente o persoal de urxencias, primaria e hospitalaria para evitar demoras na atención e reducir así as agresións
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, trasladou hoxe a solidariedade e apoio do PSdeG aos profesionais sanitarios galegos, sinaladamente aos que padeceron hoxe unha nova agresión no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña -CHUAC-. Espinosa defendeu “tolerancia cero” fronte á violencia, tanto física como verbal, contra os sanitarios, e reclamoulle á Xunta que revise canto antes os protocolos de seguridade.
Espinosa, que mantivo un encontro con representantes do persoal de Urxencias do CHUAC, propuxo a revisión dos protocolos de seguridade tanto en Atención Primaria como Hospitalaria, sinaladamente no servizo de Urxencias, “para que o persoal poida realizar o seu labor sen que se exerza violencia sobre eles”. Advertiu que “nada xustifica ningunha agresión en ningunha ocasión e tampouco en ningún ámbito laboral, tampouco contra quen coida da nosa saúde”.
A responsable socialista lembra que os socialistas galegos levan “tempo” reclamando e propoñendo solucións á Xunta, que sempre contaron co voto en contra do PP. Anunciou que os socialistas galegos teñen presentado unha nova batería de iniciativas parlamentarias, que comezarán cunha pregunta no próximo Pleno, para pedirlle á Xunta que incremente o persoal, sinaladamente en Urxencias, Primaria e Hospitalaria, evitando demoras na atención e reducindo así as agresións.