Paloma Castro empraza ao goberno galego a coordinarse co Concello e o Estado para crear unha zona inundable no parque de Valdecorvos
A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, acadou hoxe o compromiso da Xunta de asumir o proxecto e a obra da Mellora Hidrolóxica do Regato Valdecorvos presentado polo portavoz socialista, Iván Puentes, cando era concelleiro de Desenvolvemento Sostible, para previr as inundacións recorrentes na rúa Padre Fernando Olmedo, en Pontevedra.
Paloma Castro presentou unha pregunta oral na Comisión de Obras Públicas e Medio Ambiente do Parlamento na que lle reclamou ao goberno galego que se coordine co Concello e o Estado para acometer esta obra, que suporía crear un parque inundable na área verde do parque de Valdecorvos. Esta actuación permitiría reducir un 70 por cento o risco de inundacións na contorna da rúa.
Ademais permitiría recuperar medioambientalmente o río Valdecorvos antes da súa canalización e os elementos etnográficos, como son as canalizacións para o rego das antigas brañas, e favorecería a creación de hábitats naturais de gran valor medioambiental e paisaxístico. Na actualidade, as chuvias torrenciais están a derivar en enchentas que desbordan o Valdecorvos na súa drenaxe ao Lérez, anegando a contorna do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Salientou que este problema recorrente foi eludido polos sucesivos gobernos municipais ata que no ano 2019 tomou cartas o concelleiro socialista Iván Puentes, que acadou a incorporación do Rego e a rúa ao Plan de Xestión de Risco de Inundacións de Galicia 21-27, abrindo a porta ao financiamento da obra por parte da Xunta.
A partir de aí presentou o Proxecto de Obra de Mellora Hidrolóxica do Drenado Natural e Paisaxismo do Parque do Regato Valdecorvos e acadou a autorización da obra solicitada a Augas de Galicia en marzo de 2022. Castro sinalou que a execución do proxecto entra dentro do Plan de Mitigación de Inundacións previsto pola Xunta de Galicia, e pode servir como piloto para actuar de forma semellante en diferentes territorios.
A parlamentaria socialista salientou que o director xeral de Augas de Galicia puxo en valor os proxectos de renaturalización encadrados dentro da estratexia “Pontevedra Flúe”, posta en marcha polo propio Puentes no Concello.