A portavoz de Economía e Facenda do Grupo Parlamentario Socialista, Patricia Iglesias, subliñou a importancia de destinar estes fondos a mellorar os servizos públicos: “Con esta condonación, poderiamos evitar recortes en educación, reducir as listas de espera na sanidade pública e axilizar as valoracións de dependencia para os nosos maiores
A deputada do Grupo Parlamentario Socialista e portavoz de Economía e Facenda, Patricia Iglesias, lamentou hoxe a postura do Partido Popular en relación coa proposta do Goberno central de condonar 4.010 millóns de euros da débeda pública galega, subliñando que “esta medida permitiría reforzar os servizos públicos e mellorar a calidade de vida da cidadanía galega”.
“É incomprensible que o presidente Rueda rexeite unha condonación de débeda que aliviaría significativamente as finanzas da nosa comunidade, permitindo investir máis en educación, sanidade e servizos sociais”, declarou Iglesias. “A súa actitude obstinada está a privar a Galicia dunha oportunidade única para mellorar o benestar dos seus habitantes”, subliñou.
Falta de claridade e posición ambigua da Xunta
Iglesias destacou que os intereses desta débeda constitúen unha das principais partidas de gasto nos orzamentos da Xunta e criticou a falta de claridade de Rueda sobre se aceptará ou non a condonación proposta. “O presidente da Xunta mantén unha posición ambigua, evitando comprometerse claramente coa aceptación dunha medida que beneficiaría a toda a cidadanía”, afirmou.
A deputada tamén instou a Rueda a non subestimar a intelixencia dos galegos e galegas: “O señor Rueda parece que quere facernos parvos. Ninguén entende que se rexeite a condonación de 4.000 millóns de euros de débeda pública. Menos débeda significa máis benestar social para o noso país”.
Iglesias subliñou a importancia de destinar estes fondos a mellorar os servizos públicos: “Con esta condonación, poderiamos evitar recortes en educación, reducir as listas de espera na sanidade pública e axilizar as valoracións de dependencia para os nosos maiores. Non nos engane, señor Rueda; os galegos e galegas sabemos que estes 4.000 millóns de euros son necesarios para fortalecer o noso estado de benestar”.
Declaracións incoherentes do PP que “causan estupor”
Nos últimos días, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o responsable de Economía da Executiva Socialista, Abel Losada, expresaron o seu rexeitamento a postura do PP. Besteiro lamentou que “a Xunta diga NON a unha oportunidade histórica para aliviar a carga financeira de Galicia”.
Pola súa banda, Losada cualificou de “erro histórico” o abandono da reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira por parte do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e criticou a “irresponsabilidade” do Goberno galego ao opoñerse á condonación da débeda, unha medida que permitiría liberar recursos imprescindibles para fortalecer os servizos públicos de Galicia. Ambos coincidiron en que a actitude e as declaracións incoherentes do PP “causan estupor entre a cidadanía galega”.