Carlos López Font advertiu de que “isto non é novo”, xa que os gobernos do PP “deixaron sen executar 270 millóns destinados a políticas de vivenda desde o 2009”
O deputado do PSdeG lamentou o “catálogo de escusas” dos populares e que “lembren agora a política de vivenda, cando non lles preocupou durante 15 anos”
O deputado socialista Carlos López Font alertou hoxe no pleno do Parlamento galego sobre a baixa execución dos fondos incluídos na partida 415B do Orzamento da Xunta, “que ten unha denominación moi concreta: Acceso á vivenda”, explicou.
Font formulou na sesión desta mañá unha pregunta á conselleira sobre esa situación, tendo en conta que a devandita partida orzamentaria “debe permitir políticas inmediatas para solucionar o principal problema que preocupa hoxe aos galegos e galegas”. Pero os datos que publica a propia Administración autonómica indican unha execución de só un 10,3 % no terceiro trimestre do 2024, un dato que “non pode ser máis negativo”.
Durante a súa intervención, lamentou que os malos datos veñen de lonxe. “Isto non é novo”, sinalou respecto do feito de que os gobernos do PP “deixaron sen executar 270 millóns destinados a políticas de vivenda desde o 2009”.
O mesmo día que Rueda aseguraba na Cámara autónoma que o problema da vivenda “ocupa e preocupa” ao seu Executivo, o deputado do PSdeG preguntábase se o baixo nivel de execución “vai seguir sendo a tónica xeral” ou se, pola contra, o Goberno do PP ten pensado facer algo para reverter esa “desastrosa situación”.
Lamentou tamén que Rueda e o PP “lembren agora a política de vivenda, cando non lles preocupou durante 15 anos” e cuestionouse “para que serven todos eses programas que anuncia nas súas comparecencias” a conselleira.
López Font cualificou de “catálogo de escusas” os pretextos e xustificacións da titular de Vivenda, e recordoulle que Rueda asegurou que ía poñer a vivenda “no centro das súas políticas”. “Tócalle a vostede traballar”, advertiulle.