Besteiro interpelou hoxe a Rueda sobre financiación e pediulle responsabilidade xa que que os 4.000 millóns de euros que rexeita o PP poden financiar vivenda, sanidade e educación
O portavoz socialista destacou que a condonación da débeda é unha medida ambiciosa, superior mesmo á que ninguén estimaba: “O BNG falaba sempre de medidas compensatorias con estimacións moito menores que esta”
Lembrou que as comunidades con concerto económico quedan fóra desta medida, xa que “non pode ser solidario quen só quere recibir, pero non achegar”
O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, retou hoxe a Alfonso Rueda a explicar aos galegos por que di non a unha rebaixa de 4.000 millóns de euros da débeda da Xunta. “Mentres outras comunidades xa fan números para destinar ese alivio financeiro aos servizos públicos, Rueda busca desculpas para rexeitalo”.
Besteiro acusou ao PP de actuar con dobre vara de medir. “Sabe o que pensa todo o mundo? Que se esta proposta nacese de Feijóo vostede diría que estamos ante unha decisión histórica do mellor estadista que podería ter este país e vostede aplaudiría con fervor. Pero como a proposta é dos socialistas, vostede está en contra”, recriminoulle a Rueda no Pleno do Parlamento.
O voceiro socialista lembrou que a proposta do Goberno de España beneficia especialmente a Galicia, porque ten en conta a dispersión poboacional e o avellentamento, xusto as demandas que a Xunta sempre dixo defender. Pero, ao parecer, a prioridade agora é outra: opoñerse a calquera proposta do Executivo central, sen importar as consecuencias.
“Explíquelle vostede a unha familia que lle perdoan un terzo da hipoteca e que a súa mellor opción é dicir que non. A ver como lle vai”, ironizou Besteiro.
O portavoz socialista detallou o impacto real deses 4.000 millóns que Rueda rexeita: oito veces o orzamento das universidades públicas galegas, 20 veces o destinado a vivenda ou 200 veces o investimento en investigación sanitaria. “Con este diñeiro poderiamos darlle vivenda ás máis de 19.000 persoas inscritas no Rexistro Público de Demandantes ou financiar os salarios de docentes e médicos durante varias anualidades. Pero Rueda parece que non ten présa”.
Besteiro chamou ao presidente a evitar outro erro político e a enviar a Madrid unha resposta responsable. “Non faga o de sempre, primeiro votar en contra e despois intentar sumarse sen que se note moito. Afórrenos a todos ese espectáculo e vote a favor desde o principio”.
Unha proposta que supera o que pedía o BNG
O portavoz socialista destacou que a condonación da débeda que propón o Goberno de España é unha medida ambiciosa, superior mesmo á que ninguén estimaba. “O BNG falaba sempre de medidas compensatorias con estimacións moito menores que esta”, lembrou. Por iso, puxo en valor o traballo dos socialistas para conseguir unha proposta que beneficia a Galicia, indo máis alá mesmo da débeda co FLA.
A proposta do Goberno baséase na poboación axustada, garantindo que Galicia saia beneficiada: “Temos o 5,5 % da poboación, pero condónasenos débeda como se tivéramos o 6,7 %, precisamente polos criterios de avellentamento e dispersión que sempre defendemos”. Ademais, Besteiro lembrou que as comunidades con concerto económico quedan fóra desta medida, xa que “non pode ser solidario quen só quere recibir, pero non achegar”.
Finalmente, instou a Rueda a que atenda os expertos, como o Foro Económico de Galicia, que desde hai anos apoian unha quita da débeda baseada na poboación axustada e en igualdade de condicións para todas as comunidades. “Será que tamén o Foro Económico está en contra de Galicia? Ou será que a Rueda non lle encaixa nada que non veña imposto dende Génova?”, preguntouse.