A deputada Paloma Castro puxo de manifesto a hipocrisía do Partido Popular, que mentres fala de emerxencia na vivenda, intenta consolidar a ocupación privada de terreos públicos “para uso exclusivo da súa elite política”
A deputada socialista Paloma Castro levou hoxe ao Pleno do Parlamento unha pregunta urxente para denunciar a hipocrisía do Partido Popular, que mentres fala de emerxencia na vivenda, intenta consolidar a ocupación privada de terreos públicos para uso exclusivo da súa elite política. “Non hai peor exemplo para quen aspira a gobernar un país que utilizar recursos que son de todas e todos para o seu beneficio persoal”, denunciou a deputada.
A cuestión refírese a unha vivenda situada en primeira liña de praia en Moaña, da que 210 metros cadrados de xardín pertencen ao dominio público marítimo-terrestre desde 2007. A pesar disto, a familia Feijóo continúa a facer uso privado desta zona e, en lugar de cumprir coa recuperación pública do espazo, solicitou unha concesión de 30 anos para manter o privilexio. “Queren perpetuar a privatización dun ben que pertence ao conxunto da cidadanía”, advertiu Castro.
A deputada socialista esixiu ao Goberno galego que garanta o acceso público ás praias e zonas costeiras unha vez que se materialice o traspaso de competencias en xestión do litoral. “Está disposta a Xunta a permitir que os intereses privados de Feijóo e os seus amigos prevalezan sobre o dereito do pobo galego a gozar do seu litoral?”, preguntou.
Os socialistas, sinalou Castro, non consentirán que o PP converta o traspaso de competencias “nun cheque en branco para favorecer aos seus e seguiremos defendendo o patrimonio público fronte aos intentos de privatización encuberta do Partido Popular”.
A pregunta de Paloma Castro rematou cunha protesta da socialista por “inexactitudes” na contestación da Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. Nese intre o presidente do Parlamento interviu para tomar partido a favor da conselleira respaldando o seu comentario. O incumprimento do papel de moderador que lle corresponde á máxima autoridade na Cámara motivou que o Grupo Socialista presente unha protesta formal ante a Mesa do Parlamento.