Silvia Longueira acusa ao goberno galego de provocar a “extrema emerxencia da lingua” e puntualiza que “o seu traballo é resolver problemas, non agrandalos”
O Parlamento aproba a proposta socialista para reclamarlle á Xunta que elabore un Libro Branco da Lingua
A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira, criticou hoxe a hipocrisía política do PP tamén coa lingua, cando rexeitan a súa implantación como lingua cooficial no Parlamento Europeo polo seu custe e ao mesmo tempo renuncian á condonación de 4.000 millóns de débeda para Galicia, e concluíu: “mátame camión!”. Así o dixo no debate dunha moción para reclamarlle á Xunta que elabore un Libro Branco da Lingua que foi aprobada no Pleno do Parlamento de hoxe.
Longueira lembroulle ao goberno galego que o seu traballo “é resolver problemas, non agrandalos” antes de sinalar as consecuencias de 15 anos de políticas “galeguicidas” que levaron á lingua ao nivel máis baixo dende que hai rexistros. Advertiu que a “responsabilidade final” de resolver “esta encrucillada” que eles mesmos provocaron recae precisamente no goberno galego e á que lle responderon milleiros de persoas en defensa da lingua nas rúas de Santiago o pasado domingo.
Advertiu que as máis de 600 asociacións de toda Galicia e os milleiros de galegos e galegas que saíron a defender á lingua “non entenden como o seu presidente lles pode chamar extremistas, cando o único extremismo é a extrema emerxencia da lingua”. E mentres, lamentou, non ofrecen “ningún xesto” para protexer ao galego na CRTVG ou na Lei da IA, para o seu uso como lingua cooficial en Europa ou na implantación da Lei Paz Andrade na educación e a comunicación.
Dixo que o PP e a Xunta tratan á lingua coma se dun “animal exótico” se tratara, dándolle “a mesma entidade que ten o noso traxe rexional: unha lembranza para festas e días de gardar”. Puntualizou que “non pode ser que sigan usando o legado de Castelao facendo ofrendas florais e poñendo cara de circunstancias no día das Medallas e ao terminar volver a poñer as roupas da unidade de vixilancia do bilingüismo harmónico.
Iniciativa aprobada
Silvia Longueira fixo esta intervención no debate dunha moción do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que escoite á RAG e ao Consello da Cultura Galega para elaborar un Libro Branco da Lingua que sirva como “folla de ruta” para protexer á lingua e que foi aprobada.
Nesta iniciativa tamén lle reclama ao goberno galego que presente, antes de que finalice este período de sesións, un plan de choque cunha batería de medidas que actúen como dique de contención diante da caída drástica do uso do galego
Ademais, chama a acadar un acordo social e político que comprometa ás forzas políticas presentes no Parlamento de Galicia para cumprir coa Constitución Española, o Estatuto de Autonomía de Galicia e a Carta Europea das Linguas Minoritarias. Finalmente, esíxelle ao Executivo que presente o Plan de traballo pormenorizado das comisión convocadas pola Consellería de Cultura supostamente para traballar un escenario de cara a un novo Plan de Normalización Lingüística.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
“2. Las demás lenguas españolas serán también oficiales en las respectivas Comunidades Autónomas de acuerdo con sus Estatutos.
Toda vez que parece insuficiente que no artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galicia recoñécese o galego como lingua propia de Galicia e garántese o uso oficial e o seu fomento.
Asemade, o acordo tamén acatará o asinado, xa no ano 2001, na Carta Europea das Linguas Minoritarias onde di:
“Recoñecemento e promoción: establece que as linguas minoritarias son unha expresión da riqueza cultural de Europa e deben ser protexidas.
Uso na vida pública e oficial: defende o uso destas linguas na administración, nos tribunais, no medios de comunicación, na cultura, na educación e na economía.
Dereito a aprender e usar a lingua: promove a educación en e sobre as linguas minoritarias, garantindo a súa transmisión xeracional.
Compromiso dos estados: obriga aos estados asinantes a tomar medidas concretas para garantir a protección e desenvolvemento destas linguas”.