Patricia Iglesias reclámalle ao goberno galego que conte coa cidadanía, os concellos afectados e o sector eólico para superar as consecuencias da súa falla de estratexia e de seriedade, que derivou en 77 parques suspendidos
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, alertou hoxe de que o goberno galego está elaborando o novo Plan Sectorial Eólico -PSE- “como polo sen cabeza” e coa ameaza máis que probable de perpetuar o caos e a inseguridade xurídica que “ten a todo o mundo cabreado”. Así o dixo logo de que o PP anunciara o seu voto en contra á proposta que levou Iglesias á Comisión de Industria para reclamarlle que abrira as portas á participación da sociedade civil, os concellos e o sector afectados no proceso.
Criticou que o goberno galego teña excluído do diálogo “aos sectores que lles molestan” como as asociacións ecoloxistas ou á propia sociedade civil no proceso de elaboración temperá do novo PSE. Alertou que de seguir así van perpetuar o “caos, a inseguridade xurídica e a transitoriedade insoportable” derivadas da “falla dunha estratexia definida e rigorosa de transición ecolóxica e de desenvolvemento eólico” en Galicia.
Esixiulle á Xunta que rectifique canto antes e dea paso á “participación pública temperá real” no proceso de elaboración do novo Plan coa “escoita activa e participación” que esixe o artigo 12 da Directiva de Renovables da UE. Alertou de que teñen obviado deliberadamente esta obriga na que foi xa a décimo terceira modificación da Lei so Sector Eólico de Galicia, aprobada en 2009.
Iglesias trasladou a preocupación dos socialistas galegos polos primeiros pasos do novo Plan Sectorial Eólico, no que o Executivo comeza por preparar a cesión obrigatoria de enerxía que escollan discrecionalmente aplicando a Lei de Recursos de Galicia a cambio de autorizar parques “fora de planificación territorial”. Comparou esta decisión coa construción de vivendas en zonas protexidas do litoral co beneplácito do goberno galego.
A parlamentaria socialista advertiu que as decisións do goberno galego teñen provocado a suspensión cautelar de 77 parques eólicos, moitos deles pola falla de sustentabilidade ambiental, mentres optan por “botar balóns fora e criticar ao TSXG”, como fixo onte o propio presidente da Xunta na súa viaxe a Bruxelas.
Subliñou que o goberno galego está a persistir no erro orixinal de Feijóo, que en 2009 suspendeu o concurso eólico sen pararse a valorar as consecuencias de deixar fora 2.325 MW e un investimento de máis de 5.000 millóns de euros. Ademais, provocaron o pago de preto de 200 millóns de euros de cartos públicos polas demandas de responsabilidade patrimonial das empresas que tiñan adxudicados os MW, adiando o novo PSE como mínimo ata o ano 2029.