Julio Abalde reclámalle a Educación que dea conta da aplicación do protocolo fronte ao acoso aos menores nas redes sociais
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, reclamoulle á Consellería de Educación que integre a formación no uso dos dispositivos dixitais no ensino regulado como medida preventiva fronte ao ciberacoso. O responsable socialista presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación do Parlamento para reclamarlle á Consellería que dea conta da aplicación do protocolo fronte ao acoso aos menores nas redes sociais.
Abalde sinalou que o sistema educativo “ten que ser capaz de formar aos rapaces e rapazas na utilización dos dispositivos” e reclamou “non tanto taboleiro dixital e máis educación para unha relación normalizada co mundo dixital”.
O parlamentario socialista lembrou o coloquio sobre acoso escolar organizado no pasado mes de decembro por Confapa Galicia, no que salientaron a “inadecuación dos protocolos de acoso á realidade do alumnado”. Advertiu que este non ten en conta os diferentes niveis de madurez e a súa capacidade para a xestión dunha incidencia de acoso escolar.