O voceiro do Grupo Parlamentario Socialista denunciou o fracaso da política de vivenda do PP en Galicia e demandou unha solución inmediata para as máis de 19.000 persoas que se atopan en lista de espera
Besteiro puxo sobre o foco os problemas que afectan a miles de galegos, desde a dependencia ata a sanidade e, por suposto, a crise habitacional para os que o PP non ten respostas
O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, levou hoxe ao Parlamento “a voz da Galicia real”, esa que o PP ignora e condena a máis desigualdades. Fronte a un Rueda que se nega sistematicamente a contestar, Besteiro puxo sobre a mesa os problemas que afectan a miles de galegos, desde a dependencia ata a sanidade e, por suposto, a crise da vivenda, que xa é unha emerxencia para as máis de 19.000 persoas que agardan en Galicia por un fogar e que non poder facer fronte aos prezos actuais de aluguer.
Besteiro comezou a súa intervención denunciando a grave situación das listas de espera na Dependencia, onde hai 4.000 persoas agardando por unha resolución que nunca chega. “Hai estudos que indican que só un 20% das persoas que teñen dereito a ela, a solicitan, porque saben que o sistema non funciona. A Xunta está bloqueando un dereito esencial”, criticou.
O portavoz socialista tamén puxo o foco na Sanidade pública, lembrando e criticando as “irresponsables” palabras do conselleiro do ramo: “Están vostedes a un chisco de dicir que a xente enferma por deporte. Algo parecido pasou cando unha política do PP dixo que non era necesario atender a 7.000 maiores na COVID porque ‘ían morrer igual’”.
19.000 persoas esperando por unha vivenda mentres a Xunta segue sen actuar
Tras repasar a inacción da Xunta en materia de dereitos sociais, Besteiro centrouse na grave crise da vivenda, onde máis de 19.000 persoas están en lista de espera para un aluguer mentres o PP leva 15 anos sen facer nada. “Cada día que pasa, a lista aumenta. Hoxe xa son máis de 1.000 persoas novas cada ano, tres cada día, sen acceso a unha vivenda digna”, denunciou.
Besteiro acusou a Rueda de fomentar un modelo especulativo onde os prezos se dispararon un 50% en 10 anos, mentres os salarios só subiron a metade. “O problema non é o número de vivendas, é o prezo. E vostedes non queren facer nada para regulalo”, criticou.
Fronte a esta parálise, Besteiro puxo sobre a mesa as propostas do PSdeG para garantir o acceso á vivenda como o Banco Público de Aluguer, no que a Xunta actúe como intermediaria para garantir vivendas a prezos accesibles (30% dos ingresos), ao tempo que ofrece seguridade e garantías aos propietarios. “Podemos incorporar rapidamente ata 5.000 vivendas no mercado de alugueiro coas ferramentas adecuadas. Só falta vontade política e iso é precisamente a que vostede non ten”, subliñou.
526 millóns de euros para vivenda: onde están, señor Rueda?
Besteiro tamén esixiu que Rueda explique que fixo cos 526 millóns de euros transferidos polo Goberno de España para políticas de vivenda. ” A realidade é que en 15 anos de goberno do PP vostedes no fixeron nada”, dixo.
Para o líder socialista, o fracaso da política de vivenda do PP en Galicia ten responsables claros. “Agora prometen construír todo o que non fixeron en 15 anos. Pero a xente non pode esperar máis: as máis de 19.000 persoas en lista de espera precisan solucións xa. Señor Rueda, que pensa facer?”, concluíu Besteiro, reiterando o seu compromiso de levar a voz da Galicia real ao Parlamento e defender os dereitos das persoas que viven cada día as consecuencias das políticas clasistas do PP.