Julio Abalde sinala que a norma, entre outras eivas, non protexe os dereitos de autor, obvia calquera mecanismo de colaboración coa axencia estatal e non fomenta o uso do galego entre os desenvolvedores de programas e as empresas
O proxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia “non é máis que unha declaración de intencións baleira”. Julio Abalde defendeu así a emenda á totalidade dunha norma “pouco ambiciosa”, que se limita a regular o emprego da IA no ámbito da Administración autonómica. Entre outras eivas, tal como explicou o deputado socialista na súa intervención de hoxe no pleno do Parlamento galego, o texto “carece de mecanismos que garantan os dereitos de autor”, como tampouco regula a relación e a colaboración coa Aesia, a primeira axencia de supervisión estatal de Europa, que ten a súa sede na Coruña. Só fai “referencias vagas”.
Abalde pediu a devolución dun proxecto de lei que, ademais, non contempla ningún tipo de medida concreta para o fomento do uso da lingua galega nas ferramentas de IA e que non dá cobertura aos dereitos da cidadanía fóra do ámbito da relación coa Administración.
O parlamentario socialista cualificou de “obxectivo propagandístico” a urxencia de Rueda por vender que Galicia sería a primeira rexión de Europa en regular o uso da intelixencia artificial. Criticou, por iso, que se trata dunha “nova oportunidade perdida” por parte do Goberno do PP, que renuncia a dar “un salto cualitativo” nunha tecnoloxía e un sector “tan importantes para o futuro económico e social de Galicia”.
Julo Abalde detallou na súa intervención moitos dos defectos que presenta o documento sobre o que hoxe se debateu na Cámara. Algúns deles son que “non queda claro o exercicio dos dereitos recollidos na norma”, prevé a supervisión humana nos procedementos administrativos que empregan a IA “sen indicar a forma en que se producirá nin as consecuencias do seu incumprimento”, define a composición do Consello Galego de Intelixencia Artificial “pero non se definen as súas funcións” ou que se esquece o papel do Centro de Supercomputación de Galicia no referido a bancos de datos.
Por outra banda, censurou que “dificilmente a IA actuará como axente diferenciador e impulsor da economía de Galicia se non se crea e se mantén un sector empresarial tecnolóxico propio”, polo que a lei debería “incluír medidas específicas” nese senso, e non o fai. “Regula de modo deficiente a creación de programas de incubación, aceleración e consolidación de start-ups en IA”, e, aínda que sinala a creación dun fondo de participación de empresas que desenvolvan en Galicia sistemas de intelixencia artificial, “non indica nin as condicións nin a forma de participación da Administración”.
Xunto a eses problemas, o impulso á creación de factorías de IA “está deficientemente definido”. No tocante a I+D, as referencias á creación dun sistema de vixilancia tecnolóxica en IA para as empresas só constan dun xeito “meramente declarativo, sen indicar medidas e políticas para realizalo”. Tampouco contempla ningún mecanismo, acción ou ferramenta para protexer á sociedade dos perigos da utilización inadecuada desta tecnoloxía, como fake news, mal uso en redes sociais, ciberacoso ou vulneración de intimidades, “en definitiva, protexer á cidadanía dos ataques aos dereitos dixitais persoais”.
Con todo, Julio Abalde incidiu na cuestión dos dereitos de autor e na da lingua como as que para os socialistas son “as dúas principais ausencias” na norma. En canto á primeira, falta “o recoñecemento dos dereitos de autor e de propiedade intelectual e industrial que protexen aos creadores de contidos literarios, artísticos, audiovisuais… É dicir, deixa desprotexidos desde unha Administración pública aos autores e autoras, ás persoas que crean”. A segunda, “moi grave para a Xunta de Galicia”, é a ausencia, excepto unha simple referencia xenérica no artigo 2, da lingua galega “e do seu emprego e potenciación” nos sistemas de IA, non só na Administración autonómica, senón que tampouco se contempla a creación de ferramentas para que o galego poida ser utilizado polos desenvolvedores de programas e as empresas”.