Critica unha “nova discriminación aos cidadáns de Ourense”, que carecen dun servizo co que si contan en Vigo, Lugo ou A Coruña
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta salientou hoxe o “bochorno e incredulidade” que lle provoca o PP ao opoñerse a habilitar un espazo para poñer en marcha o Hospital de Día de saúde mental infanto – xuvenil en Ourense. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei que presentou na Comisión de Sanidade do Parlamento e que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista criticou que o PP presentara unha emenda para “deixar no limbo sine die” a habilitación deste espazo que si estaba contemplado no Plan de Saúde Mental 2020 – 24, demostrando que “queren tomarlle de novo o pelo aos cidadáns da provincia de Ourense”. Esta provincia volve ser discriminada pola xestión do goberno galego, que lle está a furtar un servizo co que si contan por exemplo Vigo, Lugo ou A Coruña.
Acusou ao PP de “mentir” para xustificar a súa negativa a garantir en Ourense o mesmo servizo co que contan as outras tres provincias, xa que a atención á saúde mental infanto – xuvenil “non está garantida”. Explicou que os profesionais “dedícanse a reforzar as consultas” e en ningún caso integran a unidade especializada fundamental que figura no obxectivo 4 do Plan de Saúde Mental.
A falta deste servizo, dixo, provoca a cronificación da enfermidade mental que se pode ter evitado, e que afecta a un de cada 7 adolescentes de entre 7 e 19 anos, que afrontan problemas que van dende a ansiedade á depresión, pasando polos trastornos de atención, adiccións ou trastornos de alimentación.