Julio Abalde criticou que o Goberno do PP anuncie agora que está preparando un plan estratéxico, pero sen abrir ningún proceso participativo para desenvolvelo
O proxecto partiu dun estudo realizado polo goberno local socialista no 2021 e o expresidente Feijoo comprometeuse con el en xaneiro do 2022
O Grupo Socialista instou hoxe ao Goberno galego a poñer en marcha xa en Ferrol o polo de I+D en enerxías renovables mariñas e almacenamento. Trátase dunha iniciativa que partiu dun estudo realizado polo goberno local socialista no ano 2021 e que leva tres anos á espera, pese a que contou co aval do entón presidente da Xunta.
O deputado socialista Julio Abalde preguntoulle esta mañá en comisión parlamentaria ao director xeral de Planificación Enerxética se, por fin, a Xunta vai botar a andar este ano o polo, logo de que non se materializara ningún paso concreto desde que o propio Feijoo, tras o Consello da Xunta do 27 de xaneiro de 2022, se comprometera a facelo.
Abalde remarcou que en decembro de 2021 o entón alcalde de Ferrol, o socialista Ángel Mato, presentou o proxecto á Axencia Galega de Innovación e á Dirección Xeral de Planificación Enerxética da Xunta, e só un mes despois o presidente expresara publicamente o antedito compromiso.
Xa en marzo do 2023, ante a falta de avances, o PSdeG reclamou no pleno do Parlamento un impulso ao proxecto. A iniciativa socialista aprobouse por unanimidade. O hoxe alcalde ferrolán, que naquel momento era deputado, defendeu desde a tribuna que a Xunta levaba traballando nel desde xaneiro dese ano.
Porén, nada se ten feito desde entón salvo anuncios baleiros de contido, criticou o parlamentario do PSdeG. Tamén cuestionou que hoxe o director xeral asegurase que a Xunta está avanzando nun plan estratéxico, dado que non hai noticia de que se abrise ningún tipo de proceso participativo para incluír achegas dos diferentes sectores implicados. Para Abalde, é un síntoma do xeito co que o Goberno galego está levando o asunto e da súa falta de impulso.