O líder dos socialistas galegos lembra que o goberno galego leva 15 anos de desmemoria sen poñer unha partida orzamentaria para exhumacións, investigacións e recoñecemento das vítimas do franquismo
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á Xunta “menos escusas e máis recurso” para cumprir coa Lei de Memoria Democrática. O líder dos socialistas galegos mantivo un encontro no Parlamento coa directiva da Iniciativa Galega pola Memoria -IGM-, na que tamén participou a portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, na que analizaron as consecuencias de “15 anos de desmemoria” por parte do goberno galego.
Denunciou que a falla dunha partida orzamentaria para a Memoria Histórica evidencia a súa “grave falta de compromiso institucional” porque, dixo, o goberno galego “tamén debe cumprir coa Lei de Memoria Democrática e garantir recursos para exhumacións, investigacións e para o recoñecemento das vítimas”.
Alertou do risco democrático do seu discurso negacionista, que os levou a negar por exemplo no Parlamento que houbera asasinatos na Illa de San Simón, cando foi un dos campos de concentración e exterminio máis temidos no franquismo e que estivo activo entre os anos 1936 e 1943.
Advertiu que o descoñecemento da historia “favorece discursos que atentan contra os valores democráticos” e emprazou ao PP a situarse “no lado correcto da historia” e tomar nota da reacción popular en Berlín esta fin de semana, que tivo unha contestación contundente fronte á decisión dos conservadores de romper co bloqueo fronte á extrema dereita.
Dixo que, fronte ao auxe da ultradereita en Europa, “é fundamental que Galicia reivindique a súa memoria e siga dicindo que partidos coma Vox no teñen cabida no noso territorio” e que “a memoria non é unha opción, é un dereito”. Sinalou que “sen recoñecer o pasado non hai futuro con xustiza e liberdade”, e “Galicia non pode quedar atrás no compromiso coa verdade e a democracia”, remachou.