Elena Espinosa pon ao Concello de Lalín como exemplo da falla de cobertura das prazas de pediatra e lle esixe á Xunta unha solución “real, definitiva e permanente”
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, esixiulle á Xunta unha solución “real, definitiva e permanente” para resolver a falta de pediatras en Galicia que afecta a 11.478 menores que viven nos 194 concellos sen servizo de Pediatría. Así o dixo no debate dunha pregunta oral na Comisión de Sanidade na que lle esixiu á Consellería de Sanidade que cubra dunha vez a praza de pediatra sen cubrir no Centro de Saúde de Lalín.
Sinalou que os nenos e nenas que residen neses concellos pero que teñen que desprazarse varios quilómetros cada vez que están enfermos cunhas listas de espera inasumibles. “É inconcibible que un rapaz ou rapaza que hoxe enferma teña que agardar ata 15 días coa súa enfermidade para ser atendido”, resumiu.
A parlamentaria socialista dixo que o desleixo do goberno galego evidencia a “falta de vontade política” por reforzar a sanidade pública por parte do goberno galego, que no canto de ofrecer solucións reais recorre ao “xa se verá”. Esta situación impacta sinaladamente, dixo, nos concellos do rural, nos que os veciños e veciñas “séntense indefensos” e os leva a “fuxir” dos seus fogares pola falla de servizos cando a realidade é que “necesitamos que a nosa xente viva no medio rural”.
Desmentiu o discurso do goberno galego, empeñado en responsabilizar ao goberno central da falla de médicos, cando a realidade é que a pasada fin de semana houbo unha convocatoria de 11.943 prazas de MIR, que supón un 48 por cento máis que cando gobernaba o PP. Lembrou que este goberno convocou cada ano dende que comezou o seu mandato o maior número de médicos en formación da historia.
Lembrou que o goberno galego, aínda sabendo da falta de prazas e da convocatoria récord de médicos en formación, o ano pasado deixou sen cubrir outras 100 prazas MIR ás que tiña dereito, co que suman xa 1.541 médicos que deixaron sen formar dende o ano 2012 precisamente na Comunidade Autónoma que menos paga aos seu médicos e médicas en formación.
11 días de espera en Lalín
Espinosa puxo Lalín como exemplo da falla de médicos en toda Galicia derivada directamente da xestión do goberno galego e a súa decisión de amortizar prazas, deixar sen cubrir baixas, vacacións e vacantes con profesionais aos que queren contratar en precario, deixando aos que quedan saturados.
A responsable socialista sinalou que unha cita de Pediatría solicitada onte mesmo no Centro de Saúde de Lalín ten unha demora de 11 días, o que desminte categoricamente as cifras que está a defender o goberno galego. Sinalou que o caso deste concello é unha mostra da situación precaria da sanidade e sinaladamente a atención pediátrica logo de anos de austericidio por parte dos gobernos do PP.
Elena Espinosa presentou unha iniciativa parlamentaria para esixirlle ao goberno galego que garanta a cobertura das prazas de pediatra vacantes no ambulatorio de Lalín e reforzar un servizo do que os veciños e veciñas levan alertando dende o ano 2023. Advertiu que “non é de recibo” que as únicas opcións sexan acudir a urxencias, saturando o servizo, ou acudir a unha consulta privada para sortear os excesivos tempos de espera tanto na asistencia presencial como telefónica.
Alertou de que neste momento hai unha vacante sen cubrir dende hai meses, e “previsiblemente nos atopemos a curto prazo con outra praza sen cubrir” por unha baixa por maternidade. Advertiu que “non é a primeira vez que tratamos de buscar resposta por parte da Xunta de Galicia ao problema de falta de atención pediátrica en toda a comarca do Deza” polo empecinamento do goberno galego en non reforzar un servizo imprescindible para as familias.