“Tamén nos encontraremos en Bruxelas contra esta lei manipuladora”, advertiu o secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu hoxe “unha televisión e unha radio públicas que sexan verdadeiramente públicas, nas que se respecte a pluralidade necesaria nos medios públicos de información”. Por ese motivo, reiterou a súa oposición á lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, que hoxe iniciou o seu trámite parlamentario. “Estamos absolutamente en contra”, asegurou o tamén portavoz do Grupo Socialista mentres acompañaba aos traballadores e traballadoras da CRTVG que se concentraban ante a Cámara momentos antes do inicio do pleno.
Besteiro achegouse á concentración xunto cos demáis deputados e deputadas socialistas, que vestían camisetas reivindicativas coa figura dun xabarín amordazado, un personaxe que “marcou a moitos” e que simboliza o contrario “ao que quere facer o Partido Popular coa televisión pública”. “Se hai manipulación nos medios públicos, hai un intento de conformar unha opinión pública a través deles e, por tanto, de beneficiar unicamente a posición política do PP”, afirmou.
Pola contra, demandou unha CRTVG “que se convirta nun instrumento de difusión da nosa cultura e de pluralidade”, e mostrouse firme na oposición a unha norma “inxusta e que non respecta a lexislación que Europa impulsa para os medios públicos”. “Tamén nos encontraremos en Bruxelas contra desta lei manipuladora”, advertiu.
O líder socialista reivindicou unha televisión e unha radio públicas “de todos e todas”, que non se sometan a “prácticas manipuladoras” e que sexan “absolutamente plurais e transparentes”. Lamentou, pola contra, que a norma que pretende impulsar o Goberno de Rueda “vai ser todo o contrario” e, por enriba, vai afondar “nesa evolución descendente dos últimos anos” en canto a calidade e audiencia. “E iso tamén afecta á nosa cultura e ao noso idioma”, sinalou.