Abre un novo ciclo na secretaría xeral dos socialistas de Galicia “con total ilusión e asumindo a responsabilidade que conleva”
Nun acto de homenaxe a Pablo Iglesias en Ferrol, apelou ás “fondas raíces” do Partido Socialista na súa loita pola igualdade e o progreso como camiño para os vindeiros anos
José Ramón Gómez Besteiro abriu hoxe un “novo ciclo” para o PSdeG co obxectivo de acadar un partido “máis forte, porque só desa forma haberá unha alternativa ás políticas de dereitas e un cambio” en Galicia. Besteiro seguirá á fronte da organización durante os próximos catro anos. Concluído este mediodía o prazo para a presentación de candidaturas ás primarias, renovará na secretaría xeral, ao confirmarse como único aspirante ao cargo.
Nun acto en Ferrol en memoria de Pablo Iglesias, con motivo do centenario do seu pasamento, que se celebra ao longo deste ano, o líder socialista asegurou que enfronta a nova etapa “con total ilusión e asumindo ademais a responsabilidade que leva consigo”. En declaracións aos medios, agradeceu á militancia “o referendo” á súa continuidade durante a nova etapa que se abre, que encara tamén “con optimismo” e co compromiso de traballar “por unha Galicia en positivo”.
Besteiro lembrou ante o monumento ao fundador do PSOE “os principios que inspiran o labor dos socialistas”, como a loita pola igualdade de oportunidades, pola solidariedade, contra a discriminación, polo progreso e pola mellora da calidade de vida da cidadanía. Por iso, apelou a reflexionar sobre “o noso pasado, de onde vimos e cara onde imos, pero sobre todo a esas raíces tan fondas”.
“Eses principios sérvennos para poñer moitísima máis forza de cara ao futuro, e son os que imos defender os próximos catro anos para facer unha Galicia máis forte, na que o Partido Socialista sexa tamén máis forte”, insistiu, e invitou a todos e todas os socialistas “a traballar unidos, cun partido unido”.
O acto, no que participaron militantes de toda a comarca de Ferrol, rematou cunha ofrenda floral no monolito coa efixie de Pablo Iglesias.