Abel Losada esíxelle que explique a actuación da Oficina Económica de Galicia, que segue a liña de “decadencia absoluta” á que teñen sometido ao Igape
O secretario de Economía da Executiva do PSdeG, Abel Losada, acusou hoxe ao presidente da Xunta de “escamotear” o resultado obxectivo da parálise económica de Galicia derivada do fracaso da súa xestión. O responsable socialista criticou que o goberno galego agoche a realidade dos números baixo campañas de propaganda dirixidas a mudar a percepción da realidade económica e laboral da Comunidade Autónoma.
Losada apunta que o estancamento económico e laboral de Galicia deriva da “falla de proxecto económico definido” por parte de Rueda, que está a protagonizar unha xestión “errática e falta de planificación” cos fondos Next Generation que están a recibir do conxunto de España. Ademais, salientou a “hipocrisía” do goberno galego, que está a acoller estas axudas “cos brazos abertos” logo de que o PP se manifestara en contra dos mesmos dende Bruxelas.
Advirte que a “realidade económica imponse á propaganda”, e esixiulle en concreto ao conselleiro de Facenda que explique os proxectos e medidas estratéxicas que está a impulsar a “tan publicitada” Oficina Económica de Galicia. Losada esixe coñecer “a que está a dedicar os orzamentos de que dispón” aquel organismo, diante do risco de que siga unha traxectoria mimética co Igape, en “proceso de decadencia absoluta” durante as últimas dúas lexislaturas.
Datos reais
Losada explicou que, lonxe da imaxe que está a publicitar o goberno galego, o mercado laboral galego está a amosar un dinamismo “francamente escaso” en comparación co conxunto de España, xa que a ocupación medra menos da metade do conxunto do país entre 2018 e 2024, apenas un 6 por cento fronte ao 12 de todo o Estado. Sinala que polo tanto “é un engano dicir que o mercado laboral galego evoluciona de forma satisfactoria e similar ao conxunto de España”.
Ademais, explicou que o estancamento e o envellecemento da poboación galega é o que está a provocar que a taxa de desemprego se reduza máis que no conxunto de España, o que provoca a redución da poboación activa, que en Galicia leva 6 anos estancada mentres no Estado medra un 7,5 por cento.
Ao ter menos poboación, explicou, o PIB per cápita é aparentemente maior, pero “en termos reais non é así”, xa que ten que ver con que a poboación galega medrou en 6 anos un “escasísimo” 0,3 por cento, fronte ao 5 por cento do conxunto de España, que medra a un ritmo 18 veces maior.