Paloma Castro sinalou que o Concello xa se fixo cos terreos para levantar as instalacións sanitarias, e agora “a pelota está no tellado do Goberno do PP”
A parlamentaria socialista advertiu que no municipio so hai tres médicos para unha poboación de 7.500 persoas, ao que se une a falta de pediatra desde hai ano e medio
O Grupo Socialista reclamoulle hoxe á Xunta, a través da deputada Paloma Castro, que dote de persoal sanitario “suficiente” o centro de saúde de Arcade co fin de ofrecer “unha sanidade de calidade” e evitar as longas listas de espera que se están rexistrando. Tamén demandou unha partida orzamentaria específica para poñer en marcha as obras do novo centro de saúde, comprometido pola Administración autonómica, pero que non figura nos Presupostos autonómicos para o vindeiro ano.
Durante o debate dunha proposición non de lei na Comisión de Sanidade do Parlamento galego, Castro lamentou que o PP vexa “imposible” a cobertura de prazas de médico no principal ambulatorio do municipio de Soutomaior. Parece “que os médicos son absorbidos por unha forza sobrenatural no momento no que rematan a carreira e desaparecen da faz da terra”, dixo, e lembrou que que o Goberno autonómico prometeu habilitar unha praza máis, pero segue sen facelo.
A parlamentaria do PSdeG sinalou que a atención médica é, neste momento, “claramente ineficiente”, dado que a data de hoxe “só hai tres prazas de médico e levan máis de ano e medio sen pediatra”. Entre os “múltiples problemas” que se rexistran nas instalacións, citou tamén listas de espera “interminables” e citas “con moita demora”, ao que se une o “despropósito” de que o consultorio de Romariz leva pechado desde a pandemia.
“A situación é un caso máis do abandono en materia sanitaria por parte da Xunta de Galicia, que repercute na atención primaria”, subliñou Paloma Castro, que recordou que Soutomaior ten unha poboación de 7.500 persoas “demandantes dos servizos médicos, e arredor de mil menores que só poden ser atendidos baixo cita previa cando vén algún pediatra substituto”.
O problema é tan grave “que moitos nenos e nenas xa se adscribiron ao pediatra de Vilaboa para as revisións ordinarias, e nos casos de doenzas puntuais acoden ao servizo de urxencias de Pontevedra ou á Parda”.
O Concello xa se fixo cos terreos para cederllos á Xunta
O anterior conselleiro de Sanidade comprometera a construción dun novo centro de saúde, unha obra condicionada á cesión do terreo por parte do Concello. Unha vez que a Administración local “cupriu a súa parte”, a Xunta “volveu incumprir” e renunciou a habilitar unha partida específica para ese proxecto nos Orzamentos de 2025.
O PP tampouco admitiu a emenda que o Grupo Socialista presentou para impulsar ese financiamento, o que demostra “a falta de vontade” dos populares por levantar o novo centro de saúde. “A pelota está no tellado da Xunta”, afirmou Castro.