O secretario xeral do PSdeG aplaudiu o anuncio do Goberno de que no primeiro trimestre do 2025 estenderá os descontos do 75 % aos usuarios recorrentes da autoestrada de Santiago a Ourense
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acolleu hoxe con satisfacción o anuncio de novas bonificacións para os usuarios da AP-53, a autoestrada que une Santiago con Dozón e que cobre máis de 50 quilómetros do traxecto entre a capital de Galicia e Ourense.
Tras a comparecencia do ministro de Transportes no pleno do Senado, durante a que Óscar Puente avanzou a extensión á AP-53 dos descontos do 75 % que o Executivo xa acordara para a AP-9 hai un mes, Besteiro valorou a medida. “Os socialistas cumprimos, vaia se cumprimos”, destacou en referencia á inclusión, no acordo de investidura, de medidas orientadas á gratuidade das vías estatais que transitan por Galicia.
O líder socialista subliñou que o incremento das bonificacións aos usuarios e usuarias recorrentes desa autoestrada vai contribuír a “conectar a Galicia interior en mellores condicións”. Porén, criticou que outras comarcas galegas queden á marxe dese tipo de iniciativas porque están unidas por vías de carácter autonómico, das que é responsable a Xunta.
“Que é o que fai Rueda? Pois seguir mantendo as peaxes e excluíndo á Costa da Morte e ao Val Miñor”, precisou en relación coas autoestradas autonómicas AG-55 (A Coruña-Carballo) e AG-57 (Puxeiros-Val Miñor), para as que os socialistas veñen reclamando bonificacións que as equiparen ás estatais.
As partidas económicas para elevar os descontos das peaxes da AP-9 e da AP-53 estarán garantidas á marxe da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, segundo explicou o ministro na Cámara Alta. A entrada en vigor das novas bonificacións, que incrementan as xa existentes, está prevista para principios de ano. No caso da autoestrada Santiago-Dozón, dentro do primeiro trimestre do 2025, precisou.