Elena Espinosa reclama unhas contas alternativas que respondan ás necesidades reais da cidadanía e conformen unha Galicia “máis verde, máis dixital, máis feminista, máis cohesionada, que defenda a nosa lingua e a nosa identidade e se preocupe dos máis vulnerables, da educación, a sanidade e a vivenda”
Patricia Iglesias critica o “récord de abuso” da Lei de Acompañamento coa que o goberno modifica “pola porta de atrás” máis de medio cento de normas de carácter lexislativo, incorporando 128 páxinas de autoemendas do PP
A portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista, Elena Espinosa, criticou que os Orzamentos da Xunta para 2025, que hoxe pasaron o trámite final no Pleno do Parlamento, son “continuístas” e “non van reverter os recortes e a precarización dos servizos públicos”. Espinosa explicou que os socialistas galegos votaron en contra destas contas que desaproveitan a “oportunidade histórica” dos fondos extraordinarios europeos.
Espinosa criticou o “rodillo” do PP, que non aceptou ningunha emenda das 63 que presentaron os socialistas ao articulado dos Orzamentos, tan só unha das 583 ao estado de Gastos e 4 das 97 emendas á Lei de Acompañamento. Resumiu que o PP tan só aceptou 4 emendas e 1 transacción do total de 743 propostas defendidas polos socialistas galegos.
Salientou que os orzamentos do próximo ano “non dan resposta ás necesidades” reais da cidadanía para acadar unha Galicia “máis verde, máis dixital, máis feminista, máis cohesionada social e territorialmente”. Defendeu un proxecto alternativo “que defenda a nosa lingua e a nosa identidade, que se preocupe dos máis vulnerables e de blindar a educación, a sanidade, o benestar social e a vivenda” e que sitúen a Galicia nos primeiros postos a nivel social, económico e industrial.
A responsable socialista alertou de que os orzamentos do goberno galego adoecen dos “mesmos vicios” que nas edicións anteriores, mantendo “a mesma planificación nefasta” que provoca modificacións orzamentarias nada más comezar o ano. Puxo como exemplo o caso do Sergas, onde a Consellería de Sanidade emprega sistematicamente ano tras ano os fondos de continxencia para pagar gastos estruturais como os salarios do persoal sanitario.
Espinosa presentou a execución orzamentaria dos Orzamentos de 2024 como exemplo da falla de rigor do goberno galego. Cualificou de “inaudita” a baixa execución no terceiro trimestre, que se coñeceu esta mesma semana, e que revela que en setembro só gastaron o 10,3 por cento do programa de acceso á vivenda, o 24 por cento das partidas para rehabilitación ou tan só o 31,4 por cento da partida de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero.
Alertou neste sentido que o incremento da Consellería de Sanidade previsto para este ano, de 269,7 millóns de euros, non da para pagar a desviación de 458 millóns de euros do orzamento do ano 2022 detectado polo Consello de Contas no seu informe de fiscalización. Explicou que o incremento deste ano sumado ao do ano 2024 suma 467,7 millóns de euros, e sumando os dous “non alcanza nin para tapar buratos”.
Emendas
A responsable socialista lamentou que o PP rexeitara as 63 emendas presentadas polos socialistas galegos ao articulado dos Orzamentos, que ofrecían unha alternativa “realista” para incrementar o gasto non financeiro ata os 14.500 millóns de euros. As emendas do Grupo Socialista incluían propostas para a mellora da transparencia e o bo goberno, sinaladamente explicando os obxectivos e o cumprimento dos beneficios fiscais previstos neste proxecto de Lei de Orzamentos.
Tamén reclamou un Plan de publicidade e comunicación institucional, garantir a transparencia do financiamento dos concellos, que deben contar con fondos suficientes para atender ás súas necesidades, así como unha batería de propostas para dar unha resposta en positivo ao problema da vivenda en Galicia. Os socialistas incluíron a aposta pola vivenda protexida, as axudas á rehabilitación e a constitución dun Banco Público de Alugueiro.
Espinosa defendeu as emendas dos socialistas galegos para mellorar a asistencia en Atención Primaria e hospitalaria, a investigación sanitaria e a construción de centros de saúde que levan “anos” agardando a que a Xunta exerza as súas competencias, así como o reforzo do persoal sanitario e a mellora das súas condicións laborais.
En materia de Educación, os socialistas incorporaron ás emendas a gratuidade dos libros de texto, axudas aos comedores escolares, bolsas de alimentación ou o reforzo do persoal docente, mentres en canto á atención á Dependencia solicitaron o reforzo dos equipos de valoración e un novo modelo de residencias. Tamén incluíron o reforzo dos centros de día, un plan de loita contra a pobreza, ou a gratuidade do SAF, o bono social eléctrico ou a recuperación da tarxeta básica.
Sinalou a aposta dos socialistas galegos polo emprego de calidade e o apoio a mozos e mozas, mulleres e parados de longa duración, así como no desenvolvemento económico en base á transición xusta, facilitando o asentamento de proxectos industriais sostibles. Reclamou unha igualdade real e efectiva garantindo a protección as vítimas, ademais da defensa da lingua, o cumprimento da Lei de Memoria e o apoio financeiro aos concellos galegos.
Tamén interveu no debate das emendas ao Estado de Gastos dos Orzamentos, que por primeira vez incorporan unha proposta das 583 presentadas este ano polo Grupo Socialista nos 15 Orzamentos elaborados polo goberno galego dende a chegada do PP en 2009. Desta volta transaccionaron a emenda na que pedían dedicar 2 millóns de euros ao Museo da Romanización, que tivo que ser reducida a 500.000 euros como única vía de desbloquear o proxecto.
Récord de abuso
A portavoz de Economía do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, criticou o “récord de abuso” do PP e do goberno galego ao modificar dunha tacada, sen debate nin capacidade de réplica, máis de 50 leis e textos normativos a través da Lei de Acompañamento. Advertiu ademais das autoemendas que presentou o propio PP nun texto de 128 páxinas para impedir un debate ao que os grupos da oposición non poden presentar aportacións e que mesmo modifica a Lei de Recursos Naturais.
Censurou esta “extra limitación constitucional” coa que o goberno galego modifica por exemplo por décimo terceira vez a Lei do sector eólico, “sen escoitar á sociedade civil, á veciñanza afectada pola implantación de parques nin ao propio sector eólico”. A responsable socialista criticou as modificacións da política enerxética e industrial, que “non é recoñecible no noso país” e permanece “sumida nunha inseguridade xurídica sen precedentes”.
Criticou que o goberno galego volva modificar a Lei de Política Industrial para reducir os requisitos para declarar os proxectos industriais estratéxicos, cando os 11 que foron aprobados polo Consello da Xunta están parados ou á espera de resolución xudicial.
Patricia Iglesias dixo que o goberno galego perpetúa o “ilusionismo fiscal” nos orzamentos de 2025, renunciando a 751 millóns de euros de ingresos por beneficios fiscais que inclúen 300 millóns de euros para os máis ricos ao manter a rebaixa dos impostos de Patrimonio e de Sucesións e Doazóns. Lamentou a hipocrisía da Xunta, que segue a falar de infrafinanciación mentres renuncia a estes ingresos e se nega a pedir a débeda da quita, obrigando a pagar 1.763 millóns de euros en xuros durante o próximo ano.
Resumiu que a Lei de Acompañamento supón unha “avalancha normativa sen rumbo definido”, que demostra a “incapacidade” do goberno galego por artellar un proxecto coherente para reforzar os servizos públicos e apostar por unha transición enerxética “ordenada e planificada”. Iglesias lembrou que o PP só aceptou 4 das 97 emendas que presentaron os socialistas galegos á Lei de Acompañamento.