Lara Méndez denunciou que os pequenos concellos vense na obriga de paliar cos seus escasos recursos a falta de políticas en favor do sector por parte do Goberno do PP
A deputada socialista criticou que o descenso na partida dedicada a comercio nos Orzamentos de 2025 “demostra que a Xunta non lle está a prestar a atención debida ao sector”
A portavoz socialista de comercio, Lara Méndez, censurou hoxe que a Xunta se negue a explicar por que este ano non convocou as axudas ás asociacións e federacións de comerciantes e tampouco aclare se o vai facer para o ano que vén. Na reunión da Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo celebrada esta mañá, a deputada do PSdeG interesouse a través dunha pregunta ao Goberno galego sobre a situación desas subvencións, destinadas a entidades de ámbito superior ao municipal co obxectivo de incentivar o consumo a través do tique dixital de dinamización comercial, e tamén inquiriu se a Xunta ten previsto melloralas.
Méndez lamentou que, en vez de contestar, o Goberno do PP empregou o debate para aplaudir a súa xestión sen ningún tipo de autocrítica. “Pero a realidade é ben distinta”, advertiu. A Xunta está “lonxe de seguir potenciando e mellorando” iniciativas en favor do comercio, xa que, en lugar de ampliar os posibles beneficiarios na orde que regula a concesión desas axudas, “para darlles cobertura ás asociacións máis pequenas”, o certo é que no 2024 non se publicou.
A parlamentaria socialista sinalou que “non se entende que a Xunta non lle dea continuidade a unha orde ben recibida por parte do sector” e criticou especialmente que a inacción do PP “vai en detrimento das pequenas asociacións, e, polo tanto, das pequenas vilas”. Así, vese como, “unha vez máis”, os populares “lle dan as costas” ao rural galego.
Lara Méndez salientou que nos concellos menos poboados hai asociacións de comercio que quedan fóra desas convocatorias “dado o carácter supramunicipal” que se lles esixe nas bases a esas organizacións. “Estamos a tempo de repensar e mellorar a convocatoria para o 2025”, dixo para matizar que antes é necesario saber “que vai facer a Xunta de Galicia con esa iniciativa”.
“A golpe de improvisación”
Por outra banda, sinalou o descenso dun 0,75 % na partida dedicada a comercio nos Orzamentos de 2025 como un síntoma de que a Xunta “non lle está a prestar a atención debida” ao sector. Outro é que o Goberno de Rueda “vai a golpe de improvisación”, como se acaba de comprobar co bono comercio. “De entrada, saca unha convocatoria por 2,5 millóns de euros, e ao pouco tempo por outros 2,5 millóns, iso si, sen valorar o alcance que ten nos pequenos concellos”, explicou.
O que se está a ver é como os propios concellos “están a tomar iniciativas pola súa conta para non perder o pouco ou nulo comercio que teñen as súas vilas”, subliñou Lara Méndez, e puxo como exemplos o caso de Pol, no que a Administración local “se vai facer cun supermercado”, ou o de Ribeira de Piquín, onde vai xestionar directamente unha gasolineira. Trátase de “evitar que veciños e veciñas teñan que ir facer a compra ou encher o depósito a outras localidades, e así facilitarlles o seu día a día, ou incluso evitar que se afonde no despoboamento”, citou entre algúns dos beneficios, aos que engadiu outros, por exemplo, de carácter medioambiental, ao percorrer os residentes menos quilómetros cos seus vehículos. Pero, sobre todo, os pequenos comercios “contribúen ao fomento da economía local”, precisou. “Novamente os concellos están a suplir a pouca altura de miras da Xunta”, insistiu.
A deputada do PSdeG recordou que o comercio tradicional e local “ten que coidarse para que non desapareza”, e por iso “son moitas as iniciativas que trouxemos ou apoiamos para mantelo, e vemos como o PP unha e outra vez vota en contra”, denunciou.