Carmen R. Dacosta sinala que o texto “disfraza o desmantelamento da CRTVG” ao tempo que garante a imposición do director xeral por parte do PP e dilúe o seu papel na promoción do uso do galego
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta cualificou de “insulto” e de “estafa” o proxecto de Lei de Medios Públicos de comunicación audiovisual que vén de ser presentado polo goberno galego. A responsable socialistas presentou unha pregunta oral na Comisión da CRTVG celebrada hoxe no Parlamento logo de coñecer este texto deseñado para garantir a elección do próximo director xeral de forma unilateral por parte do PP.
Dacosta advertiu que con este texto varían a forma de escoller ao novo director xeral, que segundo a Lei actualmente vixente debe ser elixido por maioría cualificada do parlamento, obrigando ao PP a contar cos outros grupos. Coa nova redacción, o PP poderá escoller esta figura cos seus votos, consolidando a “falla de capilaridade democrática” no seu nomeamento, co que “non se garante a independencia e a profesionalidade desta figura” e constitúe un “salvoconduto” para amparar “interferencias políticas”.
A responsable socialista apunta que a nova Lei “disfraza o desmantelamento da CRTVG, a difícil situación que están a padecer os traballadores e traballadoras da compañía ou os escasos niveis de produción propia”, ao tempo que modifica as regras que rexen a emisión de contidos en castelán”. Explica que baixo o subterfuxio de achegarse a unha maior diversidade lingüística agochan a retirada da blindaxe da lingua galega no ente público.
Dacosta lembra a obriga estatutaria para que a CRTVG sexa unha “ferramenta para agromar a empregabilidade do idioma galego, e mesmo ten que ser un órgano normalizador do mesmo”. Esta lei vai en contra deste obxectivo ao introducir unha cota de emisión para producións en castelán, deixando á sociedade galega “desprotexida fronte ao manexo que se fai do ente con respecto á lingua galega” e agravando a desigualdade lingüística.
Trasladou a súa “decepción” diante dun texto que “nin sequera mellora o xa existente respecto á gobernanza e rendemento da CRTVG”, e esixiu que “volvan ao diálogo e o consenso para garantir que os medios públicos sigan sendo unha ferramenta ao servizo da sociedade, da cultura e da democracia en Galicia”.