Denuncia que a ”alianza entre dous partidos políticos” impedirá que Besteiro presente pregunta ao presidente no próximo Pleno “en contra do principio democrático da pluralidade”
Os socialistas esixiranlle ao conselleiro de Sanidade que cumpra coa lei e acelere a resposta ás solicitudes de eutanasia que o pidan
A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta que acuda á Conferencia de Presidentes do venres “como representante de tódolos galegos e galegas”, para o que debe deixar de exercer como portavoz de Feijóo”. Espinosa advertiu, logo da Xunta de Portavoces do Parlamento, que Galicia ten “identidade propia e connotacións propias” para defender no cumio de Santander “e no deixarse levar” polo ditado de Génova.
A responsable socialista subliñou que Galicia “merece ser tratada como país con condicións propias que deben ser tidas en conta”, pero advertiu que os socialistas galegos seguirán “con escepticismo” o papel de Rueda, máis preocupado de subordinarse ás directrices do seu partido que de defender a Galicia. Advertiu que “non entendemos a postura de Rueda nin nas formas nin no fondo”, xa que acudirá sen manter un encontro previo cos representantes parlamentarios.
Lamentou a súa “falta de valentía” ao renunciar a defender un modelo de financiamento que recoñeza a singularidade de Galicia e cuestionou a oposición á condonación da débeda, cunha renuncia a fondos para vivenda ou sanidade que “non hai quen entenda”. Remitiuse ao seu papel no goberno galego tamén como conselleiro da Presidencia, cando renunciou a que Galicia asumira nin unha sola competencia nova.
Pleno do Parlamento
Espinosa compareceu diante dos medios de comunicación logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día do último Pleno do período de sesións, no que o Grupo Socialista quedará sen formular pregunta ao presidente pola “alianza entre dous partidos políticos”. Criticou a decisión “en contra do principio democrático da pluralidade”, pola que imposibilitan que o portavoz socialista poida fiscalizar a Rueda e “preguntarlle polos temas que realmente preocupan á cidadanía de Galicia”.
Criticou que o presidente da Xunta evite someterse á pregunta que suporía “dedicarlle 10 minutos máis á transparencia, á pluralidade e a render contas ante os galegos e ás galegas, o que non é un traballo adicional”.
O Pleno do Parlamento incluirá unha pregunta oral do Grupo Socialista para esixirlle ao conselleiro de Sanidade que cumpra coa Lei de Eutanasia e garanta unha “resposta rápida” ás solicitudes de aceleración da mesma en Galicia. Advertiu de que un terzo das persoas que a solicitan chegan a falecer sen conseguir a resolución do seu expediente logo de ter tomado voluntariamente esta “decisión transcendental”.
Espinosa anunciou que a última sesión plenaria do ano incluirá unha interpelación para reclamarlle á Xunta que poña en marcha un novo modelo de residencias de maiores e que garanta persoal suficiente e especializado con condicións laborais dignas. Tamén presentarán dúas proposicións non de Lei para reforzar o bono social eléctrico e o bono social térmico ás familias con carencia material severa e a reversión aos concellos dos terreos de porto sen uso portuario.
O Grupo Socialista levará unha pregunta oral para reclamarlle á Xunta que constitúa o Consello da Memoria Democrática de Galicia e a licitación par a redacción dos proxectos de interese autonómico para facilitar chan para a construción de vivendas en Vigo. Finalmente, presentarán unha moción para pedirlle ao goberno galego que adapte o sistema de emerxencias á resposta que requiren os fenómenos meteorolóxicos extremos derivados do cambio climático.
Orzamentos
A sesión da próxima semana comezará co debate final dos Orzamentos da Xunta para 2025, que representan unha “oportunidade perdida” por parte da Xunta e do PP á hora de “blindar os servizos públicos, a sanidade, a educación, a dependencia ou a vivenda”. Lamentou que o goberno galego “non escoite” e rexeitara polo tanto tódalas emendas do Grupo Socialista, incluíndo as propostas en positivo centradas no problema da vivenda e que incluían a creación dun Banco de Alugueiro.
Espinosa advertiu que a política de vivenda do goberno galego se limite a complementar os fondos do goberno de España, evitando ningún tipo de aportación significativa malia que contan coas competencias na materia. Advertiu que a única emenda aceptada ao Estado de Gastos fora unha transacción co Grupo Socialista para poñer en marcha o proxecto do Museo da Romanización de Lugo, pero reducindo a proposta orixinal de 2 millóns de euros a medio millón.