A viceportavoz do Grupo Socialista reclama a aposta pola vivenda pública coa posta en marca do Banco de Alugueiro, ademais da aposta polo emprego de calidade e o desenvolvemento sostible
A portavoz de Orzamentos do Grupo Socialista, Elena Espinosa, lamentou hoxe a “oportunidade perdida” de Xunta e PP para blindar os servizos públicos nos Orzamentos de 2025. Espinosa pechou o debate dos Orzamentos en Comisión coa advertencia de que as contas do goberno galego para o próximo ano “perpetúan as desigualdades entre os galegos e as galegas”.
A responsable socialista criticou que estas contas, que afrontan o debate final no Pleno do Parlamento da próxima semana, inciden no “fracaso e a falta de compromiso” do goberno galego en materia de vivenda pública. Lembrou a aposta “clara e decidida” dos socialistas galegos pola vivenda protexida, as axudas á rehabilitación e pola constitución dun Banco Público de Alugueiro como vías de resolver un dos principais problemas dos galegos e das galegas.
Espinosa defendeu as emendas dos socialistas galegos para mellorar a asistencia en Atención Primaria e hospitalaria, a investigación sanitaria e a construción de centros de saúde que levan “anos” agardando a que a Xunta exerza as súas competencias, así como o reforzo do persoal sanitario e a mellora das súas condicións laborais.
En materia de Educación, os socialistas incorporaron ás emendas a gratuidade dos libros de texto, axudas aos comedores escolares, bolsas de alimentación ou o reforzo do persoal docente, mentres en canto á atención á Dependencia solicitaron o reforzo dos equipos de valoración e un novo modelo de residencias. Tamén incluíron o reforzo dos centros de día, un plan de loita contra a pobreza, ou a gratuidade do SAF, o bono social eléctrico ou a recuperación da tarxeta básica.
Elena Espinosa sinalou a aposta dos socialistas galegos polo emprego de calidade e o apoio a mozos e mozas, mulleres e parados de longa duración, así como no desenvolvemento económico en base á transición xusta, facilitando o asentamento de proxectos industriais sostibles. Reclamou unha igualdade real e efectiva garantindo a protección as vítimas, ademais da defensa da lingua, o cumprimento da Lei de Memoria e o apoio financeiro aos concellos galegos.
Espinosa presentou unha proposta “realista” para elevar o gasto non financeiro ata os 14.500 millóns de euros a través dunha proposta de Orzamento alternativa que “respalda aos máis vulnerables e ás clases traballadoras, así como aos nenos e nenas, os mozos e mozas e os nosos maiores, pero sen esquecernos dos autónomos e das empresas”.
A responsable socialista sinalou a emenda do Grupo Socialista para reclamarlle ao goberno galego que incorpore a demanda do Consello de Contas para que figure obxectivos e indicadores de cumprimento dos beneficios fiscais focalizados nos Orzamentos. Salientou a importancia de “avaliar para coñecer o impacto das medidas fiscais” que impón o goberno galego, unha proposta “sensata e sinxela” que sen embargo foi rexeitada polo PP.