Lara Méndez sinala que o PP aceptou transaccionar unha emenda socialista que foi aprobada hoxe e incorporada aos Orzamentos da Xunta para adicarlle medio millón de euros ao Museo logo de décadas de presións de Concello, Grupo Parlamentario e cidadanía
Sinala que os socialistas aceptaron o acordo para incorporar por vez primeira ás contas do goberno galego este proxecto que ten un custe estimado de 12 millóns de euros
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, esixiulle hoxe ao goberno galego que asuma por completo a súa competencia na execución do Museo da Romanización de Lugo. Así o dixo logo de que hoxe fora incorporada aos Orzamentos de 2025 unha transacción dunha emenda do Grupo Socialista para incorporar medio millón de euros a esta demanda histórica do Concello e a cidadanía da cidade de Lugo.
Salientou que é a primeira vez que nos 16 orzamentos presentados co PP no goberno galego se incorpora unha emenda da oposición á partida de gastos, pero sinala que para iso os socialistas tiveron que reducir a súa petición inicial de 2 millóns de euros. A contía final resulta unha pequena fracción dos 12 millóns de euros que suporía construír o Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando, pero, puntualiza Méndez, “é a única forma de incorporar o proxecto ás contas do goberno galego”.
A parlamentaria luguesa esíxelle ao goberno galego que se comprometa coa execución desta actuación, xa que teñen a competencia sobre o patrimonio arqueolóxico e ademais está situado nun edificio cualificado Ben de Interese Cultural. Advertiu que no caso de acadar fondos europeos estes deben ser complementarios, e reclamoulle un maior compromiso para poñer en valor o patrimonio galego que atesora Lugo pero que se atopa desperdigado.
Méndez lembrou que o goberno galego tiña amosada a súa intención de destinar 5 millóns de euros para unha idea “absurda” de converter o Cuartel nun Parador, algo que “nunca demandou a sociedade de Lugo”, polo que “destinar apenas medio millón de euros ao Museo da Romanización resulta incomprensiblemente insuficiente”.
A responsable socialista salienta que entre os agravios do goberno galego con Lugo figuran os intentos “ata onde era posible” por impedir a apertura do auditorio, e agora quere facer o mesmo retrasando o Museo”. Esixiulle por iso á presidenta provincial do PP e parlamentaria autonómica, Elena Candia, que “deixe de buscar a confrontación e comece a pelexar polos intereses da cidade amurallada”.
Concello
A responsable socialista salientou o traballo histórico do Concello, encabezado agora pola socialista Paula Alvarellos, para levar a diante este proxecto clave para a conservación, estudo e divulgación do legado romano en Galicia. “Lugo é o epicentro do patrimonio romano do noroeste peninsular, e a súa riqueza histórica merece ser recoñecida e posta en valor. Falamos de máis de 15.000 pezas romanas que agora permanecen dispersas e sen o espazo adecuado para o seu coidado. A Xunta leva 13 anos incumprindo as súas promesas coa nosa cidade”, denunciou.
Puxo en valor o compromiso do goberno local, que adquiriu o Cuartel de San Fernando para avanzar neste proxecto, e criticou duramente á Xunta por non incluír ningunha partida para o museo nos orzamentos de 2025 e agradeceu a implicación do Grupo Parlamentario Socialista.