Elena Espinosa acusa ao PP de “disfrazar a realidade” dunha xestión “desastrosa” para o sector público e alerta de que “non querían un hospital de referencia, senón un cuarto hospital na parroquia de Beade”
O ex secretario xeral do Sergas Cayetano Rodríguez confirma que o goberno de Pérez Touriño desbotou o modelo de financiamento privado máis caro e menos eficiente que impuxeron Feijóo e Rueda
A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, saudou a comparecencia da ex conselleira de Sanidade no goberno de Pérez Touriño, María José Rubio, que interveu na Comisión de Investigación do Parlamento, onde ratificou que o PP de Feijóo e Rueda mudou en 2009 o proxecto orixinal do Hospital Álvaro Cunqueiro para facer un hospital máis pequeno e 470 millóns de euros máis caro.
Espinosa sinalou que a intervención da ex conselleira ratifica as conclusións do informe do Consello de Contas que derivou na constitución desta Comisión de Investigación, que o PP está a manipular coa súa maioría porque “non ten a menor intención de investigar nada”. Criticou que o grupo que sostén ao goberno de Rueda intenta “ocultar e disfrazar a realidade” dende o inicio dos traballos deste órgano, impoñendo as normas de funcionamento, o calendario e a lista de comparecencias”.
Advertiu que pola súa xestión “desastrosa” que tratan de agochar, “hoxe temos un hospital máis pequeno, que non cumpre nin co número de camas, nin de quirófanos, nin alcanzou os obxectivos previstos de cirurxías, nin de hospitalizacións, nin de número de prazas do hospital de día, non é referencia maxilofacial nin de queimados, pero si, custounos 470 millóns de máis”.
Alertou de que na comparecencia de hoxe “descubrimos que a idea do goberno do PP non era facer o hospital de referencia de Vigo e o sur de Galicia que deseñou o goberno de Pérez Touriño, senón un cuarto hospital na parroquia de Beade”. Lamentou que tivera que ser precisamente o feito de que fixeran público o dimensionamento do proxecto orixinal o que conseguiu que a lo menos contara con 950 camas, aínda que moi lonxe das 1.757 previstas entre hospitalización e o resto de servizos.
Lamentou que o goberno de Feijóo e Rueda tirara por terra o traballo feito polo goberno galego e a daquela conselleira de Sanidade, María José Rubio, que presentaron un hospital financiado a través da Sociedade Pública de Investimentos. Aquel proxecto, dixo, foi escollido logo de valorar as diferentes opcións e era viable no contexto económico, ademais de moito máis barato que o finalmente elixido polo goberno do PP.
Advertiu que, tal e como sinalou o Consello de Contas, o goberno do PP tomou a decisión de mudar o proxecto “sen que houbera unha análise sólida previa”, e dixo que estes “grandes xestores do PP”, ironizou, son os que deixaron unha “herdanza envelenada” ao goberno de Pérez Touriño. Lembrou que os socialistas tiveron que enfrontar unha débeda de máis de 400 millóns de euros de facturas agochadas nos caixóns e ás fundacións sanitarias en situación de quebra técnica.
Ex secretario xeral do Sergas
A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, interveu tamén na comparecencia de Cayetano Rodríguez, ex secretario xeral do Sergas durante a etapa do goberno de Pérez Touriño, na que confirmou que “sempre existiu unha prioridade absoluta polas necesidades da Área Sanitaria de Vigo e pola construción dun hospital público”.
Subliñou que o estudo da auditora PwC di “clarisimamente” que o hospital podía facerse co modelo de Touriño, co que “empeza a desmontarse o argumento do PP”, e afeoulle ao PP que impedira a comparecencia do conselleiro de Facenda daquel goberno. Saudou que o ex secretario xeral do Sergas ratificara o erro constatado do modelo de financiamento privado, como alertaba o propio goberno conservador británico de acordo coa súa experiencia.
A responsable socialista salientou que logo da comparecencia quedou confirmado que o goberno de Pérez Touriño desbotou o modelo de xestión privada, máis caro e menos eficiente, que foi o que escolleu despois o goberno de Feijóo e Rueda “sen que houbera unha análise sólida previa á elección do modelo”.
Así o ratifica tamén o informe do Consello de Contas, que advertía que o modelo previsto orixinalmente resultaba moito máis eficiente ao licitar a obra por unha banda e os contratos de servizos pola outra, que tería un custe de 470 millóns de euros menor que o modelo imposto polo PP.