Paloma Castro propón unha estratexia integral para frear a violencia vicaria e protexer aos nenos e nenas
A deputada socialista presentou hoxe unha batería de iniciativas para evitar “a instrumentalización dos menores para causar dano ás súas nais” porque, subliñou, “un maltratador nunca pode ser un bo pai”
A deputada socialista Paloma Castro volveu poñer o foco sobre a necesidade de reforzar a loita contra a violencia vicaria, “unha das manifestacións máis crueis da violencia machista”. Durante a súa intervención no Pleno desta tarde no Parlamento de Galicia, Castro sinalou que “a violencia vicaria, exercida mediante a instrumentalización dos menores para causar dano ás súas nais, é unha realidade que segue causando dor irreparable e danos psicolóxicos graves, tanto ás nais como aos nenos e nenas afectados”.
Castro recordou os recentes asasinatos, entre eles o dun neno de dous anos a mans da parella da súa nai, un acto que cualificou de “incomprensible barbarie”. “Non imaxino maior dor para unha nai que perder o que máis quere como parte dun acto de vinganza do seu maltratador”, afirmou a deputada, subliñando que a violencia vicaria non só destrúe vidas, senón que tamén expón a desprotección dos menores no sistema actual polo que urxen medidas.
Unha batería de seis medidas para combater a violencia vicaria
A deputada destacou que, malia os avances normativos, como a Lei Orgánica de Protección da Infancia e a reforma do Código Civil, o sistema xudicial segue a fallar en ofrecer protección suficiente. Sinalou que só un 12,75% das ordes de protección en 2023 inclúen a suspensión do réxime de visitas, “o que evidencia unha falta de perspectiva de xénero nas decisións sobre o interese superior dos menores”. Castro insistiu en que “un maltratador nunca pode ser un bo pai” e instou a reforzar as medidas preventivas e asistenciais.
Durante a súa intervención, Castro presentou unha batería de seis medidas destinadas a combater a violencia vicaria e mellorar a protección dos menores en Galicia:
Coordinación interinstitucional: Pór en marcha unha estratexia urxente, en coordinación coa Fegamp, para impulsar mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero en todos os concellos galegos, integrando aos servizos sociais.
Non a custodia para maltratadores: Rexeitar sentencias xudiciais que concedan custodias ou visitas a pais con antecedentes de violencia machista, en liña co Convenio de Istambul.
Revisión dos Puntos de Encontro Familiar: Garantir que os Puntos de Encontro Familiar conten con recursos axeitados, se centren na seguridades dos nenos e das súas nais e eviten a vitimización secundaria das mulleres.
Formación especializada: Implementar un plan de formación obrigatoria en violencia vicaria e outras formas de violencia, dirixido a profesionais do ámbito xudicial, sanitario e social.
Informe urxente: Avaliar a situación das mulleres e menores vítimas de violencia en Galicia, incluíndo o uso indebido do síndrome de alienación parental (SAP).
Fortalecemento dos Gabinetes de Orientación Familiar: Adaptar estes servizos para a detección precoz de casos de violencia vicaria.
Castro salientou que Galicia foi pioneira ao recoñecer a violencia vicaria na Lei 11/2007, pero instou a redobrar agora os esforzos para protexer aos menores e ás súas nais. “Temos a responsabilidade de ser tamén pioneiros na implementación de medidas que garantan unha vida libre de violencia para as vítimas”, declarou.
A deputada do Grupo Socialista rematou subliñando que “acabar coa violencia machista, en todas as súas manifestacións, comprométenos como sociedade e como democracia. Non permitamos que a violencia vicaria siga sendo unha realidade devastadora e invisibilizada. É o noso deber salvar vidas e ofrecer un futuro seguro aos nosos nenos e nenas”.