Carmen R. Dacosta denuncia o “desastre” da xestión de Medio Rural, que enviou a parte do servizo de prevención de incendios a Valencia logo de impedirlles actuar fronte ao temporal Kirk en Galicia
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, sinalou hoxe o “desastre” de xestión do servizo de prevención de incendios por parte da Consellería de Medio Rural. A responsable socialista esixiulle á conselleira de Medio Rural que rectifique as súas declaracións “inaceptables” dicindo, nada máis tomar posesión, que os lumes ían “no ADN de Galicia”, e que a día de hoxe non retirou.
Dacosta acusou á conselleira de manter precarizado o servizo, con brigadas reducidas e traballadores con horarios abusivos, pendentes de coñecer destino dende as oposicións de 2019 e con retribución desiguais mentres despilfarran recursos públicos en maquinaria que non están a empregar. Aludiu aos 4, millóns de euros gastados nos tractores “Batracio” que teñen “pechados nos alpendres” por problemas de fiabilidade e avarías continuas, así como pola falla de programación dos traballos.
A responsable socialista criticou o “novo invento da precariedade” da Consellería do Medio Rural, que vén de asinar novos convenios para contratar brigadas mancomunadas que nunca chegaron a estar operativas, para que supostamente durante 6 meses compaxinaran os traballos de prevención e a extinción de incendios forestais. Advertiu que os concellos “necesitan persoal que traballe en exclusiva na prevención en tempo e forma” antes de que chegue a alta temporada de incendios.
Reclamoulle ao goberno galego que consolide un servizo de prevención e extinción de incendios profesionalizado e estable, afrontando as funcións e retribucións deste persoal e “deixando de utilizar a formula da voluntariedade non retribuída” e do “caos” na xestión destes recursos humanos.
Dacosta criticou que Medio Rural evitara empregar os recursos do corpo de bombeiros forestais para apoiar aos concellos galegos fronte aos danos provocados polo Kirk, que deixou en dous días máis de 1.300 incidencias rexistradas só no 112, sen ter en conta as que foron atendidas polos concellos diante do colapso do servizo de emerxencias. Afeoulle que evitara empregar estes recursos que si foron enviados a traballar a Valencia, facendo un traballo “inmellorable”.
Carmen R. Dacosta anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Consellería do Medio Rural que presente ao remate da temporada un documento de resultados do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia -Pladiga-. Advertiu que “nunca” realizaron unha análise do cumprimento do Plan porque “non executan o disposto no documento”, impedindo coñecer o traballo preventivo.