O portavoz da Executiva, Julio Torrado, destacou a unidade do partido e sinalou “a política da sensatez” coma a estratexia fronte ás mensaxes simples que avivan a polarización
O voceiro socialista asegurou que o encontro de Sevilla confirmou “o peso do municipalismo galego no conxunto de España”
Unha valoración “non só positiva, senón tamén moi optimista”. Neses termos se referiu o portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, ao resultado do Congreso Federal do PSOE para os socialistas galegos. Nun contexto marcado pola polarización á que empuxa a ultradereita “e as forzas que lle fan o xogo”, Torrado sinalou a aposta do PSdeG polas políticas “que lle importan á cidadanía”, coma os dereitos, a igualdade de oportunidades o Estado do benestar “ou que o sistema económico funcione”.
“Nós defendemos isto dende hai moito tempo”, asegurou o voceiro da Executiva, que insistiu en que, por ese e outros motivos, desde o PSdeG se ve “con moitísima ilusión e optimismo” o desenlace do Congreso de Sevilla, algo que explicou sobre tres elementos: o incremento do peso dos socialistas de Galicia no PSOE, a influencia nas políticas de progreso nos próximos 10 anos e a cohesión interna do PSdeG. A eles engadiu tamén a importancia do municipalismo.
“Sen ser o máis relevante do debate, tamén é certo que é importante”, matizou Torrado sobre o primeiro deses tres aspectos, e indicou que se pasa de dous membros a tres na Executiva Federal, e de cinco a seis no Comité Federal. Do primeiro dos órganos forman parte o senador César Mogo e os alcaldes de Vigo, Abel Caballero, e da Coruña, Inés Rey, neste caso por ser vicepresidenta da Federación Española de Municipios e Provincias. Xunto a eles estarán a viguesa Emma López, concelleira en Madrid, e o lucense Manuel García, do PSC.
“Vese o peso e a influenza de José Ramón Gómez Besteiro”, asegurou sobre a circunstancia de que coincidan na Executiva a actual representante da FEMP e o anterior, ambos galegos, o cal dá “unha pista sobre a importancia do municipalismo”, unha das bandeiras do PSdeG, especialmente no que se refire á loita por un financiamento local xusto. “Non é nada fácil que coincidan nas executivas federais o representante da FEMP e o seu antecesor”, remarcou Torrado.
Nese senso, referiuse, precisamente, ao municipalismo como o segundo elemento de especial relevancia para o PSdeG no Congreso de Sevilla. En concreto, “ao peso do municipalismo galego no conxunto de España”.
No caso do Comité Federal, forman parte os dous presidentes das Deputacións, Valentín González Formoso e José Tomé, e unha persoa por cada provincia: Marta Álvarez-Santullano (A Coruña), Patricia Otero (Lugo), Marga Martín (Ourense) e Carmela Silva (Pontevedra).
Debate ideolóxico
Ademais, “hai máis cuestións ideolóxicas” sobre as que os postulados do PSdeG tiveron influencia, como o debate sobre o financiamento autonómico. “A nosa posición non é facilmente amosable nunha pancarta ou nun tuit”, afirmou Torrado sobre algo que resumiu na “política da sensatez”. Así, subliñou que o modelo de financiamento “está en revisión, a distribución debe facerse de maneira solidaria e debe ter en conta as singularidades dos territorios”, tal como se vén de acordar en Sevilla e tal como veñen defendendo os socialistas galegos, “e nomeadamente Besteiro”. Trátase dunha posición “que non sempre se quixo entender”, pero que acaba de rematar nun acordo de todas as federacións.
O da vivenda foi outro dos temas que ocupou un lugar destacado durante a fin de semana. “Pedro Sánchez fixo un anuncio sobre a intervención do mercado da vivenda a través dunha axencia pública”, subliñou Torrado para lembrar que “hai semanas que o PSdeG vén defendendo precisamente iso, co nome de Banco Público de Alugueiro”. “Foi defendido no pleno e vai ir ao pleno desta semana”, destacou. Do mesmo xeito, apuntou tamén que a mesa de debate sobre vivenda no Congreso Federal “estivo protagonizada, entre outros, por Denis Itxaso, o conselleiro de Vivenda do País Vasco”, que participou o pasado 23 de novembro no debate do ciclo Diáligos con Raíz dedicado á vivenda.
Julio Torrado quixo poñer en valor “a tremenda unidade e o compañeirismo” dentro da delegación galega no Congreso Federal. “O PSdeG ten agora mesmo unha posición orgánica unitaria e inflúe sobre as políticas estatais”, destacou.