O voceiro do Grupo Socialista acusou hoxe a Alfonso Rueda na Comisión de Investigación de “ser cómplice dun sistema organizado para beneficiar aos achegados do Partido Popular”
Besteiro sinalou que o informe de PwC, que foi usado como base para decidirse polo modelo de financiamento privado, reflectía que a decisión xa fora tomada previamente e servía como un “anuncio comercial” encamiñado a ofrecer o negocio a empresas privadas, orientándoas sobre como concursar
O voceiro do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, interpelou este mediodía a Alfonso Rueda na Comisión de Investigación sobre a existencia de esas empresas que dispararon o seu beneficio de maneira estratosférica e que manteñen un vínculo común: entre os seus directivos hai familiares do PP e de altos cargos deste goberno, e “moitos dos contratos foron a dedo, dedito, dedo. Ese é o manual de xestión, o auténtico modus operandi do PP. E vostede, señor Rueda e Feijóo, foron os encargado de executalo”, afirmou con contundencia.
Na súa intervención, Gómez Besteiro denunciou que Rueda compareceu na Comisión “non como presidente da Xunta, nin sequera como vicepresidente, senón como un escolta do PP para impedir que se coñeza a verdade: “Renuncia vostede a liderar un exercicio de transparencia e actúa como escudo protector do seu xefe. Volve a ser vostede nesta cámara o vicepresidente de Feijóo. É unha pobre elección, pero en todo caso é a súa elección.
O líder socialista tamén criticou que Rueda bloquease a asistencia de persoas clave para o esclarecemento das irregularidades como Feijóo, convertendo a comisión nun “paripé”, mentres continúa sen responder polos contratos a dedo e os favoritismos evidentes.
“O PP non só fai contratos, fainos con patróns que repetidamente enriquecen unha rede de familiares e amigos. Non é casualidade; é un modelo organizado, un modus operandi para xestionar os recursos públicos de maneira prexudicial para a cidadanía”, sinalou.
Algúns dos casos que evidencian un patrón de favoritismo
Gómez Besteiro expuxo casos específicos que evidencian este modus operandi: Universal Support e TLMARK, empresas vinculadas ao Grupo Konecta, recibiron contratos multimillonarios da Xunta sen experiencia previa no ámbito sanitario nin de emerxencias.
Durante a pandemia, Universal Support xestionou rastreadores e un call center sanitario, cunha execución pésima que requiriu a intervención do exército. Os socialistas solicitaron información sobre estes contratos “en numerosas ocasións sen éxito”, chegando a ironizar con que “se tivésemos que facelo de forma anónima para obter información, igual conseguiámolo”.
Pola súa parte, TLMARK foi adxudicataria do centro 112 de Galicia por 7,4 millóns de euros, un contrato que renovou en 2023 por 7,8 millóns, a pesar de incumprimentos laborais. “Que casualidade que o director comercial do grupo sexa o cuñado de Alberto Núñez Feijóo”, denunciou.
No caso de Gallaecia Patentes e Marcas S.L., vinculada a un familiar próximo dunha das mans dereitas de Rueda, acumulou 272 contratos menores por un importe de 782.666 euros. A maioría destes contratos foron resoltos desde a propia oficina de Rueda. “Non se trata de rexistrar marcas; trátase de rexistrar privilexios para os seus achegados”, ironizou.
Outro caso citado foi Allwork Vestiario Laboral, unha empresa que apenas facturara 182 euros coa Xunta, pero que incrementou a súa facturación ata os 150.000 euros tras a entrada dun novo socio, que resultou ser a parella dunha alto cargo do PP. “Este éxito empresarial tan repentino ten máis que ver con quen coñece que co que ofrece”, subliñou Gómez Besteiro.
O escándalo do Cunqueiro
En relación co Hospital Álvaro Cunqueiro, Gómez Besteiro cualificou o proxecto, ao igual que nos contratos menores, como “unha demostración perfecta de como o PP antepón os intereses privados ao ben común”. Segundo explicou, o hospital foi construído cun modelo de financiamento que disparou o custo en 470 millóns de euros, reduciu o tamaño inicial do proxecto e foi aprobado pola Xunta “o mesmo día” sen revisións significativas.
Engadiu que non se realizaron análises previas sólidas que avalasen a eficiencia ou eficacia deste modelo fronte a unha adxudicación tradicional. “A modalidade non tiña respaldo na normativa daquel momento, e as modificacións realizadas beneficiaron exclusivamente a UTE concesionaria”.
Besteiro suliñou tamén que o PP nomeou a Tomás Pérez Vidal, exconselleiro do partido e membro dunha empresa concesionaria do hospital, como fiscalizador no Consello de Contas. “É o manual do PP: designar o raposo para coidar das galiñas”, engadiu.
Ademais, destacou que a Xunta encargou un informe de viabilidade económica financeira á consultora PwC, que foi usado como base para decidirse polo modelo de financiamento privado. Porén, Gómez Besteiro denunciou que este informe non presentaba unha análise sólida que xustificase tal modelo.
En realidade, o documento reflectía que a decisión xa fora tomada previamente e servía como un “anuncio comercial” encamiñado a ofrecer o negocio a empresas privadas, orientándoas sobre como concursar. Entre os datos máis criticados destacou o compromiso da Xunta de pagar un interese do 8,7 %, unha rendabilidade moi superior ao custo medio dunha hipoteca en 2010, que era do 3,75 %. “Este enfoque resultou ser un saqueo aos recursos públicos, beneficiando intereses privados por riba do ben común”, sinalou Besteiro.
O voceiro socialista pechou a súa intervención esixindo respostas directas a Rueda: “Por que decidiron financiar o hospital cun modelo máis caro e menos eficiente? Por que permitiron contratos que beneficiaron sempre aos mesmos? E por que un presidente se comporta como un escolta sen liderar nin un só exercicio de transparencia?” .
Gómez Besteiro advertiu que, se a Comisión non permite esclarecer os feitos, os socialistas levarán este caso ante a Fiscalía. “Non imos permitir que Galicia continúe sendo gobernada baixo un modelo que saquea os recursos públicos para favorecer a unha minoría privilexiada. A transparencia é unha obriga, non unha opción, e a verdade sairá á luz”, concluíu.