Silvia Longueira mostrou a disposición do PSdeG a traballar sobre a proposta de partida que hoxe lles trasladaron o conselleiro de Cultura e o secretario xeral de Política Lingüística para renovar o plan de normalización da lingua
A deputada socialista marcou como obxectivo que calquera posible pacto “teña validez no futuro”, e advertiu das consecuencias de rachar o consenso: algo que “non é nin bilingüísmo nin harmónico, pese á denominación que se lle deu”
A deputada do Grupo Socialista Silvia Longueira mostrouse hoxe a favor de traballar por un acordo sobre a lingua “por enriba de diferenzas partidistas e políticas”. Tras reunirse na compaña de Julio Abalde co conselleiro de Cultura e o secretario xeral de Política Lingüística, Longueira explicou en declaracións aos medios que a Xunta puxo sobre a mesa un documento de partida para reverter “a caída en picado” no uso do galego. “Imos estar atentos e imos traballar na construción do futuro da lingua coa achega de propostas”, asegurou a parlamentaria do PSdeG.
Longueira explicou que para traballar na renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, tal como suxeriu o conselleiro, para os socialistas hai varias premisas “moi claras”. Unha é que “a sociedade non é a mesma” que hai 20 anos, cando se aprobou o plan, polo que é necesario ter en conta novos factores, como a evolución da tecnoloxía. En segundo lugar, apostou por un entendemento con vontade de “perdurabilidade no tempo”. “O que se acorde —insistiu—- debe ter validez no futuro”.
A preguntas dos medios sobre o coñecido como decreto do plurilingüísmo, a deputada advertiu que o resultado da decisión de rachar o consenso “non é nin bilingüísmo nin harmónico, pese á denominación que se lle deu”. Baseou esa afirmación en que o galego e o castelán non estaban “no mesmo nivel social”, de modo que o galego se atopaba “en clara desvantaxe”.
Tal como remarcaron os deputados socialistas, a condición sobre a que se debe sustentar o traballo é reconstituír un pacto que durante anos acataron todas as forzas políticas que foron quen de traballar xuntas a favor do rexurdimento do galego. Como fitos de referencia, sinalaron, por unha banda, o Pacto pola Lingua Galega e a Lei de Normalización Lingüística de 1983, e por outra, o Plan xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia en 2004, durante o Goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño.
Ao mesmo tempo, sinalaron a orixe do problema actual na decisión de Feijoo de rachar aquel consenso en canto chegou á Xunta. Tal como demostran os últimos datos do IGE, a introdución do mal chamado “bilingüísmo harmónico” tivo resultados devastadores nos últimos 15 anos, cunha despatrimonialización acelerada da lingua especialmente desde o 2018. Isto provocou que incluso o Consello Europeo lle pedira á Administración galega maior protección para o idioma propio da comunidade, unha reclamación que non se atendeu.
Os socialistas advertiron que o punto de partida para recobrar o entendemento é un cambio na dirección das políticas do PP, xa que se fai necesario un apoio máis decidido á lingua minorizada para acadar unha verdadeira igualdade entre galego e castelán.
Contactos con institucións, colectivos e asociacións
Un dos obxetivos polos que está traballando o PSdeG é, precisamente, esa restitución do patrimonio da lingua galega, tal como avanzara o secretario xeral na súa intervención no Congreso dos Deputados en defensa do seu emprego como idioma cooficial na Cámara Baixa. Aquela iniciativa aprobouse con 180 votos a favor, entre os que non estaban os do PP, que preferiu unirse a VOX e UPN para posicionarse en contra.
PSdeG está mantendo encontros con diferentes institucións, colectivos e asociacións. A intención é pulsar o sentir da sociedade e recoller as súas achegas, buscar un consenso social, deseñar medidas para o afianzamento do galego tanto a curto como a longo prazo, implicar á sociedade na promoción da lingua e, finalmente, acadar un acordo amplo, por enriba das diferentes sensibilidades políticas.