Paloma Castro aféalle ao goberno galego que destine apenas 100.000 euros do orzamento do próximo ano e reclámalles que “non escatimen” na mellora da resposta xudicial ás denuncias de violencia de xénero
A portavoz de Xustiza e Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, lamentou o voto en contra do PP á proposta para pedirlle á Xunta un Plan cun prazo de 4 anos para adecuar as sedes xudiciais á atención ás vítimas de violencia machista. Castro presentou esta proposta na Comisión de Xustiza do Parlamento de hoxe para esixirlle á Xunta que cumpra coas súas competencias sobre os medios materiais da administración de xustiza.
A parlamentaria socialista lamentou que o PP rexeitara esta proposta que logo do debate incorporaba un punto adicional para reclamarlle ao goberno central que creara os xulgados exclusivos de violencia de xénero nas sete principais cidades.
Castro reclamoulle ao PP e ao goberno galego que “non escatimen” porque, advertiu, a atención adecuada ás vítimas que deciden dar o paso de denunciar é fundamental para acabar coa lacra da violencia machista. Criticou que os orzamentos do próximo ano inclúan unha partida “testemuñal” de apenas 100.000 euros para a adaptación das sedes xudiciais, que “non cubre nin de lonxe as necesidades” actuais.
Explicou que máis alá dos dous xulgados exclusivos da Coruña e Vigo, as restantes sedes xudiciais, que teñen que compaxinar a atención ás vítimas coa actividade ordinaria, carecen dunhas instalacións acaídas para cumprir coas necesidades destas mulleres. Advirte que a resposta empática “é fundamental”, e as instalacións son básicas á hora de crear un clima de tranquilidade no que as mulleres vítimas se sintan nun entorno de seguridade, respecto e confianza.
Defendeu un modelo de atención axeitado que esixe unha especial consideración aos colectivos especialmente vulnerables, que as dependencias garantan a creación dunha atmosfera acaída e que as sedes xudiciais conten con lugares apropiados para os tempos de agarda, nos que se garanta que non exista confrontación visual entre denunciante e denunciado.
A responsable socialista reclamou o cumprimento das recomendacións establecidas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e garantirlle ás vítimas un trato máis axeitado, co necesario reforzo do persoal e ademais que este conte coa formación adecuada para afrontar os casos de violencia de xénero.