A viceportavoz do Grupo Socialista preguntouse “que pensarían as empresas que perderon o contrato do hospital de Vigo se un directivo da UTE que o gañou pasase despois a ter a responsabilidade de fiscalizalo”
A deputada do PSdeG subliñou que o Goberno de Feijoo pagou un sobrecusto de 470 millóns de euros para construír “un hospital máis pequeno, con menos camas e menos quirófanos”
A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego Elena Espinosa lamentou hoxe, durante a reunión da Comisión de investigación sobre a contratación pública da Administración autonómica, o empeño da Xunta en ocultar o informe que a consultora PwC elaborou sobre a concesión do novo hospital de Vigo. “Que contén o estudo de viabilidade do Cunqueiro para que o PP se negue a facelo público?”, preguntouse a deputada do PSdeG na súa intervención durante a comparecencia do xerente da concesionaria, Enrique Nieto.
Espinosa recordou que o Consello de Contas alertou no seu informe de fiscalización, entre outras cousas, de que non hai concordancia entre os servizos complementarios non clínicos que se recollían no estudo de viabilidade e os que finalmente foron obxecto da concesión. A iso únese que, no momento de adxudicar o contrato de obra e explotación, “ese contrato ampliouse ao hospital Meixoeiro e ao Nicolás Peña, nos que non se realizou ningunha actividade construtiva”. O Consello de Contas pronunciouse ao respecto afirmando que esa extensión “non ten soporte legal”.
A vicevoceira criticou na súa intervención que a fórmula que elixiu o Goberno de Feijoo para pór en marcha o Álvaro Cunqueiro, a colaboración público-privada, “supuxo un sobrecusto de 470.469.422 euros”, segundo afirma o informe do Consello de Contas.
“Por enriba, fixeron un hospital máis pequeno, que non cumpre os obxectivos do número de camas, do número de quirófanos, do número de cirurxías que tería que facer, do número de hospitalizacións e do número de prazas do hospital de día”, enumerou. A iso engadiu que, lonxe do obxectivo inicial, “non é referencia de cirurxía maxilofacial nin de queimados, pero si polos 470 millóns de euros de máis que nos custou”.
Espinosa criticou tamén que, por parte do Partido Popular, se citase á comisión a un comparecente “que non tivo nada que ver co proceso de adxudicación do hospital”, xa que naquel momento non tiña relación coas sociedades que o xestionan. Porén, aproveitou a presenza de Nieto no Parlamento para interesarse pola composición da UTE adxudicataria do contrato do Cunqueiro. Ao fío diso, preguntouse “que pensarían as empresas que perderon o contrato do hospital de Vigo se un directivo da UTE que o gañou pasase despois a ter a responsabilidade de fiscalizalo?”. Ademais, solicitoulle ao comparecente que informase sobre “cales foron os cambios accionariais que se produciron na empresa adxudicataria dende a data de adxudicación”.