“É necesario que estas medidas se implementen de maneira equitativa en toda Galicia. Non pode haber disparidades entre áreas sanitarias nin confusión administrativa que prexudique aos traballadores”, sinalou Elena Espinosa, viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista
A parlamentaria do PSdeG, Elena Espinosa, reclamou hoxe na Comisión de Sanidade unha aplicación clara e uniforme dos recentes acordos alcanzados en materia de xubilación anticipada e activa para o persoal médico estatutario. Na súa intervención, Espinosa subliñou a importancia destas medidas tanto para garantir os dereitos laborais dos profesionais sanitarios como para abordar a crecente escaseza de persoal médico no sistema público de saúde.
Destacou neste senso os avances logrados na Mesa de Diálogo Social da Seguridade Social, na que se introduciron innovacións como a xubilación anticipada parcial para o persoal estatutario, ata agora non contemplada, e a implementación do Plan Piloto de Xubilación Activa Mellorada. Este plan, publicado no BOE en decembro de 2022, permite que médicos de atención primaria, pediatras e outros facultativos sigan exercendo as súas funcións cunha xornada reducida, percibindo o 75 % da súa pensión xunto cunha proporción do seu salario.
A deputada viguesa subliñou que estas iniciativas non só supoñen un beneficio para os profesionais médicos, senón que tamén poden aliviar a presión no sistema sanitario. “Permitir que un médico poida reducir a súa xornada e, ao mesmo tempo, seguir contribuíndo ao sistema pode ser clave para afrontar a falta de profesionais na atención primaria”, afirmou.
Con todo, Espinosa denunciou que a implementación destas normativas está a xerar moita confusión entre os profesionais debido ás diferenzas na súa aplicación nas áreas sanitarias de Galicia: “É necesario que se implementen de maneira equitativa en toda Galicia. Non pode haber disparidades entre áreas sanitarias, nin confusión administrativa que prexudique aos traballadores”, sinalou Espinosa.
Ademais, a socialista lembrou que a Xunta debe aliñar as súas políticas co acordo alcanzado entre o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, as organizacións patronais e os sindicatos. Este consenso, segundo a deputada, busca non só protexer aos pensionistas actuais e futuros, senón tamén garantir unha transición flexible do traballo á xubilación, adaptada ás necesidades de cada profesional.
Por último, instou á Xunta a priorizar este tema e garantir que as normativas aprobadas no ámbito estatal se apliquen de forma efectiva e uniforme en Galicia.