Nacionalistas e populares rexeitaron unha emenda de Carmela Silva e César Mogo na que tamén se incluía a execución dos baipás de Redondela e Betanzos, a realización do estudo das variantes entre Os Peares e Rubián e a coordinación con Portugal para a construción do AVE Vigo-Oporto
Os senadores do PSdeG Carmela Silva e César Mogo defenderon onte no pleno da Cámara Alta unha serie da actuacións para a modernización do ferrocarril en Galicia, entre as que destaca a execución da liña de alta velocidade por Cerdedo para conectar directamente con trens AVE Vigo e Madrid.
Fixérono a través dunha emenda a unha iniciativa do Grupo Parlamentario Plural, na que se esquecían diversas obras que os socialistas consideran necesarias, e que se votou hoxe. Ambos parlamentarios galegos incluíron, ademais, o impulso dos baipás de Betanzos e Redondela (en ambos casos, o correspondente estudo informativo acaba de saír a exposición pública), a realización do estudo das variantes entre Os Peares e Rubián e a ratificación do compromiso coa liña de alta velocidade entre Vigo e Oporto, incluíndo a construción da saída sur da cidade olívica.
Os senadores socialistas galegos xa mostraron durante o debate da iniciativa a súa sorpresa por que a parlamentaria do BNG que a defendeu esquecera incluír a liña directa Vigo-Madrid por Cerdedo, xa que mentres os nacionalistas esixen diferentes conexións por todo o territorio galego, están a obviar unha das máis necesarias para garantir comunicacións axeitadas á cidade máis poboada de Galicia.
Hoxe, ademais, os nacionalistas aceptaron unha emenda do PP na que as variantes de Canabal-Os Peares, Rubián e Betanzos se presentan como solución para a chegada do AVE a Lugo e Ferrol, sen incluír ningún tipo de estudo informativo, algo que é unha pura invención, tal como criticaron os senadores do PSdeG.
Os parlamentarios do PSdeG lamentaron que o Bloque preferise pactar co PP, que só aspira a enlamar o debate, en lugar de facelo cos socialistas, que nos últimos seis anos, recordaron, investiron dende o Goberno 1.400 millóns de euros nas conexións ferroviarias de Galicia. Ese esforzo, avanzaron, vaise manter nos vindeiros anos, polo que cualificaron de inexplicable a confianza dos nacionalistas nun partido que non fixo nada polo ferrocarril galego cando tivo responsabilidades de goberno.
Censuraron tamén que o BNG prefira aliarse coa dereita para gañar votacións aproveitando a maoría absoluta que o PP ten no Senado, incluso pese a que con esas manobras se desacreditan a si mesmos.
AVE a Portugal
No referido á conexión coa fronteira lusa, a emenda dos socialistas instaba ao Goberno a coordinar co Executivo portugués os prazos, tal como comprometera na súa última comparecencia no Senado o ministro de Transportes. Óscar Puente asegurou hai poucos días que España acompasaría eses tempos ao avance da liña en territorio portugués, no que ata o momento non hai construído ningún tramo entre Lisboa e o territorio galego.
Silva e Mogo censuraron que durante a etapa de goberno do Partido Popular se paralizase a chegada da alta velocidade a Galicia e dos trens Avril, cun período carente de actuacións na comunidade en materia de ferrocarril. Fronte á inacción do PP, lembraron que os socialistas están a apoiar a modernización das infraestruturas ferroviarias internas, entre elas, a conexión Lugo-Santiago, as melloras na liña A Coruña-Ferrol, o acceso ao porto exterior coruñés ou a modernización do tren entre Ferrol e Ribadeo.
Por ese motivo, lamentaron que o PP estea obsesionado por ocultar iniciativas clave que se desenvolveron durante os últimos anos na rede galega. O único obxectivo dos populares, aseguraron, é que non se poña de manifesto o deserto que significou a súa etapa á fronte do Goberno de España.
A estratexia que están a seguir é pedir todas as actuacións á vez, ao tempo que introducen emendas trampa en iniciativas doutros grupos, como aconteceu no debate de onte, durante o que os populares esqueceron, como xa se dixo, o imprescindible estudo informativo que se precisa para continuar cos traballos que se están levando a cabo na liña Lugo-Ourense, en concreto, para a execución das variantes de Os Peares-Canabal e Rubián, algo que si propuxo o Grupo Socialista no seu documento de emendas.