Paloma Castro reclama reforzar a prevención, impulsar a formación aos profesionais e coordinación multidisciplinar na asistencia ás vítimas
A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamou hoxe a incorporación da educación afectivo – sexual nos proxectos curriculares dos centros de ensino obrigatorio de Galicia a partir do próximo curso como liña fundamental para previr a violencia machista. Castro interveu na comparecencia da conselleira de Política Social e Igualdade no Pleno do Parlamento.
A responsable socialista advertiu que “non podemos deixar a educación sexual dos nosos fillos e fillas nas mans da pornografía”, polo que reclamou incluír a educación afectivo – sexual dende Primaria ata a ESO, e afeoulle que a concepción de prevención do goberno galego se limite a ”campañas publicitarias, algunhas delas moi cuestionadas, charlas en centros educativos ou á vontade dun equipo directivo”.
Afeoulle ao goberno galego que “cada vez que ten que organizar un foro ou designar un comité de expertos sexan predominantemente masculinos”. Aludiu á xornada sobre violencia dixital, na que só unha dos seis ponentes era muller, co que “para este goberno non debemos ser expertas en nada, malia que sexamos o 60 por cento das tituladas universitaria”, e sinaloulle á conselleira que “non pode consentir que se volva repetir, porque se non estamos, non contamos”.
Castro explicou que o reforzo da prevención é a primeira das 3 liñas “esenciais” na loita contra a violencia machista, que continúan coa formación dos profesionais que traballan na asistencia, atención e coidados, que garantan “ollos para detectar e para axudar”. Tamén reclamou coordinación multidisciplinar na asistencia ás vítimas, que garanta unha “resposta eficaz ás mulleres que dan o difícil paso de denunciar”.
A parlamentaria socialista alertou de que o incremento de denuncias por violencia machista revelan por unha banda o aumento da confianza das vítimas no sistema xudicial, pero tamén que “vivimos entre maltratadores e que necesitamos dun cambio estrutural”. Advertiu que “a violencia de xénero non nace de forma illada, senón que é consecuencia da desigualdade”, e de aí, explicou, o erro que supón separar as dúas materias no organigrama do goberno galego.
Alertou da “realidade” da violencia de xénero en Galicia, con 4 mulleres asasinadas este ano, unha media de 19 denuncias ao día, e que no primeiro semestre de 2024 se pediran 448 ordes de protección nos xulgados de violencia sobre a muller, das que se concederon o 63,8 por cento. Ademais, os órganos xudiciais galegos ditaron 584 sentencias, o 83,5 por cento das cales foron condenatorias”.
A responsable socialista reiterou o compromiso do PSdeG co abolicionismo da prostitución e esixiu “dignidade” porque, dixo, “o corpo de ningunha muller ten que se cosificado” e sinalou que . Advertiu que “para que unha muller poida elixir libremente ten que ter opcións” e lembroulles a PP e BNG que “ninguén que se considere feminista pode defender que o corpo das mulleres se mercantilice”.
Puntualizou que “abolir non é prohibir, é poñer a carga da culpa en quen demanda, que son os proxenetas e os homes que se aproveitan de mulleres vulnerables para satisfacer os seus desexos sexuais a cambio de diñeiro”.