“Temos tres ou catro réximes transitorios da lei que regula o sector: é unha materia que se podería estudar como exemplo do que non debe facer unha comunidade autónoma”, reprochou a deputada Patricia Iglesias
Tachou de “incoherencias e ocorrencias sen rigor” as modificacións que o Goberno de Rueda introduciu na lei de acompañamento para que o PP as autoemendara aos poucos días, incluídos cambios na Lei de Recursos, que se publicou no DOG hai só unha semana
O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia vén de reclamarlle ao Goberno galego o desenvolvemento dunha verdadeira política de transición ecolóxica e que a partir de 2025 as autorizacións de parques eólicos ofrezan garantías de sustentabilidade medioambiental e de equilibrio territorial, así como que se comprometa a iniciar os traballos para a ampliación da Rede Natura.
Patricia Iglesias criticou, na súa defensa dunha moción sobre a planificación eólica, a “situación caótica” á que as políticas populares conduciron á comunidade autónoma. “Temos tres ou catro réximes transitorios da Lei do Sector Eólico. É unha materia que se podería estudar como exemplo do que non debe facer unha comunidade autónoma”, subliñou. A deputada socialista cualificou de “incoherencias e ocorrencias sen rigor” as 13 emendas que o Goberno de Rueda introduciu na lei de acompañamento dos Orzamentos, ás que se suman agora as “autoemendas” que o Grupo do PP presentou poucos días despois. Algunhas desas modificacións afectan incluso á Lei de Recursos de Galicia, “que se publicou no DOG hai só unha semana”, lembrou Iglesias.
A parlamentaria socialista lamentou os “bandazos e máis bandazos” do Executivo galego, que poñen de manifesto “unha falta de estratexia no desenvolvemento das renovables”. A súa política converteuse, dixo, nun “Frankenstein deforme” e nun “galimatías” carente de rigor que incrementa a inseguridade xurídica no sector. A iso engadiu que, no referido ao desenvolvemento eólico, se está a gobernar “de costas á cidadanía, sen escoitar á veciñanza, sen escoitar os grupos ecoloxístas e tamén sen escoitar á patronal”.
As medidas que recolle a lei de acompañamento dos Presupostos para o vindeiro ano significan “unha autoemenda do Goberno galego á súa propia política enerxética”, insistiu Patricia Iglesias sobre uns cambios normativos “mal copiados” e que chegan “a rastro”, ao que se une “un desprezo absoluto do Executivo popular polo Parlamento”.
Sobre o anuncio dun novo plan sectorial eólico, a deputada socialista recordou que aínda se ten que desenvolver, o que, segundo os seus cálculos, consumirá “un mínimo de catro anos”. “Que pasa mentres?”, preguntouse unha Iglesias que criticou que, a través dunha disposición transitoria “de autoemenda do PP”, se autorice aos promotores a poñer en marcha proxectos eólicos fóra das áreas de desenvolvemento contempladas no plan sectorial de 1997. “Xa todo vale”, reprochou.
A parlamentaria tamén cargou contra a parálise da Xunta, especialmente durante os últimos catro anos. Mentres o Ministerio para a Transición Ecolóxica elaboraba o documento de planificación e zonificación para a eólica terrestre e mariña, “avalado polo Tribunal Supremo”, a Xunta “correu sen rumbo fixo”, afirmou. “Saben de que data é ese documento? Do 1 de decembro de 2020”, lembrou.
A iso únese que o sector “aínda arrastra a decisión nefasta, caprichosa e partidista de Feijoo cando chegou ao Goberno no ano 2009 e mandou paralizar o concurso eólico do Goberno de Pérez Touriño”. Con esa medida eliminou o desenvovemento de 2.325 MW “e deixou fóra 5.000 millóns de euros en investimentos”, recordou.
Con todo, Iglesias reiterou que os socialistas seguirán “tendendo a man” e ofrecendo un pacto pola enerxía e a industria en Galicia. “Xogámonos moito”, asegurou, e invitou á Xunta do Partido Popular a aclarar dunha vez “cal é o seu modelo de transición enerxética” e que deixe de estar “a velas vir”.