O líder dos socialistas galegos inaugura en Pontevedra a Escola de Pensamento Feminista Paloma Rodríguez dentro do ciclo Diálogos con Raíz
Pontevedra, 16 de novembro de 2024. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou o compromiso dos socialistas galegos co feminismo ao sinalar á loita contra as desigualdades de xénero como base da ideoloxía e da traxectoria desta formación política. Así o dixo na apertura da xornada organizada polos socialistas galegos en Pontevedra dentro do ciclo Diálogos con Raíz que serviu para inaugurar a Escola de Pensamento Feminista Paloma Rodríguez, “unha muller que foi socialista, e polo tanto feminista e loitadora”.
O responsable socialista emprazou a combater o negacionismo das desigualdades e da violencia de xénero que “están a poñer en risco os avances conseguidos”. Alertou así fronte á “onda reaccionaria brutal” como resposta aos avances feministas, tal e como revelan so “datos alarmantes” que sinalan que máis do 23 por cento dos mozos e do 13 por cento das mozas cren que a violencia de xénero é “un invento ideolóxico”.
Advertiu que “o mundo ou é igualitario ou non pode ser”, logo de alertar fronte á “inxustiza e profunda desigualdade” da sociedade actual e a ameaza da “máxima expresión da desigualdade que é a violencia machista”. Trasladou a condena dos socialistas galegos polo recente asasinato de Estela a mans da súa ex parella en Baiona, que suma xa catro mulleres mortas “polo feito de ser mulleres”, o que considerou “inaceptable”, e reclamou medidas porque “non basta solo con saír a condenar estes actos”.
O tamén portavoz do Grupo Socialista no Parlamento adiantou que centrará a sesión de control ao presidente da Xunta que se celebrará no Pleno do Parlamento desta semana precisamente na violencia de xénero. Un Pleno no que os socialistas galegos presentarán unha proposta cunha batería de medidas centradas na igualdade e na loita contra a violencia de xénero “para non atoparnos cada pouco tempo con dolorosos minutos de silencio e lamentando un novo asasinato”.
Besteiro inaugurou a Escola de Pensamento Feminista co obxectivo de constituír “un espazo onde continuar a tarefa de facer unha sociedade máis igualitaria” que forma parte do ADN socialista, e citou ao ex presidente Zapatero, responsable da aprobación de Lei contra a Violencia de Xénero en 2004 e que defendeu que “canto máis igualitaria é unha sociedade, tamén é máis xusta, máis civilizada e máis tolerante”.
Xornada
José Ramón Gómez Besteiro abriu a xornada nun acto no que tamén interveu a secretaria de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, Aína Calvo, a secretaria de Igualdade do PSdeG, Slvia Fraga, e o portavoz do Grupo Municipal do PSOE de Pontevedra, Iván Puentes. A xornada prolongarase durante todo o día con varias mesas de debate centradas na Violencia Machista, a Transversalidade e Paridade, Emprego e conciliación responsable e o abolicionismo.