Carmen R. Dacosta acusa ao goberno galego de poñer “escusas de mal pagador” para non entregar o proxecto de execución das obras de limpeza e paralizar o Plan Estratéxico da Limia
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta denunciou hoxe que o retraso da Xunta no envío do proxecto de execución da limpeza das canles de regadío da lagoa de Antela, na comarca da Limia, está a impedir que o Ministerio de Agricultura invista 12 millóns de euros. Dacosta presentou unha pregunta oral na Comisión de Agricultura do Parlamento na que considera “inconcibible” unha espera de 3 anos por un trámite “que debería estar pechado en meses”.
A responsable socialista esixiulle á Consellería que entregue os papeis “de inmediato” porque, advertiu, “non valen escusas de mal pagador”. Aludiu ao compromiso adquirido no ano 2021, cando o Ministerio decidiu dedicar 15,9 millóns de euros para a modernización dos regadíos da Limia, ademais do compromiso de 12 millóns de euros par a limpeza de canles, que permitiría resolver os asolagamentos das terras de cultivo e que a Xunta ten paralizados.
Considera “inexplicable” que este proxecto acumule un retraso de máis de 3 anos por parte da Consellería do Medio Rural, e engade que “pon de manifesto os incumprimentos da Xunta coa comarca da Limia, a pesares das numerosas visitas, sempre con promesas que acaban no esquecemento”. Dacosta reclamou ademais que poñan en marcha “dunha vez por todas” o Plan estratéxico para a Limia, que aínda non veu a luz logo de 5 encontros dende o ano 2020.
Carmen R. Dacosta alerta da vulnerabilidade da produción agrícola da Limia, que está a sufrir perdas millonarias polos anegamentos mentres o goberno galego “mira para outro lado”. Lembrou que o goberno galego non quixo valorar os prexuízos económicos dos anegamentos de marzo e abril na produción da pataca e cereal, que a presidenta de Empresarios, Gandeiros e Agricultores -Adegal- cifra en 57 millóns de euros mentres a Xunta “fai ouvidos xordos”.