Carlos López Font acusa ao goberno galego de pagarlle 300 millóns de euros ás empresas para liberar as peaxes na sombra de 4 autovías mentres se negan a axudar aos usuarios das autoestradas A Coruña – Carballo e Puxeiros – Val Miñor
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Carlos López Font, denunciou hoxe a “incoherencia” do PP e a Xunta ao opoñerse a liberar as peaxes das autoestradas autonómicas. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Infraestruturas do Parlamento para que o goberno galego faga o mesmo que lle está a pedir ao Estado coa AP-9, pero que o PP rexeitou.
O responsable socialista criticou que o goberno galego veña de pagar 300 millóns de euros para pagarlle ás concesionarias o rescate de 4 autovías polas que os galegos e galegas “hoxe non pagan peaxe”. Criticou que o rescate “non beneficia de forma directa aos galegos e galegas”, e reclamoulle que utilicen a dispoñibilidade económica para liberar as peaxes das autoestradas A Coruña – Carballo e Puxeiros – Val Miñor, que son de competencia do goberno galego.
Lamentou que o PP “desaproveita unha vez máis a oportunidade de apoiar unha demanda xusta” e, en definitiva, que “fagan o mesmo que están a pedir” porque, dixo, “gobernan máis pensando na confrontación política que en asumir as súas competencias, as súas responsabilidades e o seu compromiso cos galegos e galegas”.
Lembrou que a reivindicación da gratuidade para a AP-9 é “bandeira dos socialistas” para desfacer a decisión do PP e de Aznar que como presidente do goberno decidiu ampliar a concesión ata 2048 “logo dunha privatización da vía exitosa para os intereses empresariais pero ruinosa para os galegos e galegas”, e emprazou ao PP a “pedir perdón por semellante atraco”.