Apunta que a supresión do bono deporte “evidencia que era unha medida electoral que só lles interesaba para comprar votos en precampaña”
A portavoz de Deporte do Grupo Socialista, Paloma Castro, alertou da redución dun 31,27 por cento nas partidas destinadas ao Deporte nos Orzamentos de 2025, o que supón 17 millóns de euros menos que coinciden coa supresión do bono deporte. Sinalou que con esta decisión demostran o seu desleixo en materia deportiva e que o bono “era unha medida electoral que só lles interesaba para comprar votos en precampaña”.
Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta un Plan Estratéxico de Deporte en Galicia, con medidas concretas, prazos de execución e previsión do impacto nos hábitos deportivos da poboación galega, que foi rexeitada polo PP. Castro dixo que o goberno galego “nunca considerou prioritario o impulso de políticas de fomento da actividade deportiva”.
Lamenta que o goberno do PP “nunca considerou prioritario o impulso de políticas de fomento da actividade deportiva”, o que levou a Galicia a ser a Comunidade Autónoma na que menos poboación practica a actividade física, segundo o clúster Galego da Industria do Deporte. Ademais, a Enquisa de Condicións de Vida realizada polo INE en 2022 revela que Galicia é a terceira coas porcentaxes máis elevadas de persoas de máis de 16 anos que se declaran sedentarias, cun 30,5 por cento.
A parlamentaria socialista lamenta o tratamento que lle deu o goberno galego ao “bono deporte”, no que investiron 16 millóns de euros “para comprar votos na campaña electoral”, e que desapareceu nos primeiros Orzamentos logo da convocatoria electoral. Criticou que demostraran así que “non lles importaba nada a axuda para a compra de material deportivo” por parte dun goberno que “carece de ningún tipo de planificación global” do fomento da práctica deportiva.