Alerta de que a apertura da presa do Tambre con marea baixa provocou a perda do 25 por cento do berberecho da ría de Noia durante o paso do temporal Kirk
O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio Abalde, denunciou que Xunta e PP estanse situar de costas ao sector marisqueiro ao negarse a regular o baleirado dos encoros para evitar a perda de produción marisqueira. Así o dixo logo de que o PP anunciara o voto en contra dunha proposición non de Lei que presentou na Comisión de Pesca do Parlamento para reclamar un protocolo de baleirado dos encoros.
O responsable socialista alertou de que a decisión de abrir a presa do Tambre con marea baixa durante o temporal Kirk baixou a salinidade da auga e danou unha cuarta parte do berberecho da ría de Noia, un feito que “podería evitarse facilmente” se o goberno galego “tomara cartas no asunto”. Abalde reclamoulle ao goberno galego que exerza as súas competencias para permitir compatibilizar os intereses dos responsables das eléctrica e de todo o sector marisqueiro.
Criticou que o goberno galego se negue a buscar acordos coas eléctricas, demostrándolles que “non perden diñeiro” coa apertura regulada dos encoros, e “apelar á súa responsabilidade social para favorecer a existencia doutros sectores produtivos”. Emprazou á Xunta a asumir a “decisión política” de facer caso aos científicos, que nun encontro sectorial en Vigo o pasado mes de outubro recomendaron unha “xestión intelixente dos encoros para non matar ao marisco”.
Lamentou que co voto en contra do PP de hoxe teñan “perdido unha nova oportunidade de poñerse do lado do sector”, facendo caso omiso ás “decisións do coñecemento, da investigación e da ciencia”.