Patricia Iglesias lamentou que o sector “aínda arrastra a decisión nefasta, caprichosa e partidista de Feijoo”, que frustrou proxectos que sumaban 2.325 megawatts e investimentos por valor de 5.000 millóns de euros
A portavoz de industria e enerxía do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, urxiu hoxe á Xunta a “aumentar o ritmo de despregamento das enerxías renovables”, mais instouna a “construír a casa polos cimentos, non polo tellado”. Nunha interpelación durante a sesión plenaria desta mañá, a deputada afeoulle á conselleira de Economía e Industria que na súa comparecencia de onte no Parlamento non fixese “un ápice de autocrítica sobre a parálise e o caos no desenvolvemento da enerxía eólica no noso país”, cunha inseguridade xurídica “sen precedentes”.
“Algo de responsabilidade política terán logo de 16 anos no Goberno…”, díxolle Iglesias, que puxo en evidencia que a situación “é resultado dun desenvolvemento desordeado, sen criterios de sustentabilidade ambiental”, problemas ante os que os populares reaccionaron con “improvisacións continuas e bandazos e máis bandazos”.
A deputada dixo que as liñas estratéxicas en política de renovables que expuxo a conselleira “chegan tarde, mal e a rastro”, ao que se engade que o Goberno galego “non ten unha política enerxética e sobre o cambio climático recoñecible”. Así, varias das emendas que o Grupo Socialista presentou ao proxecto de lei de recursos de Galicia foron rexeitadas para ser “copiadas” despois na lei de acompañamento dos Orzamentos, “pero mal copiadas”.
Para Patricia Iglesias, iso significa, por unha banda, “unha autoemenda do Goberno galego á súa propia política enerxética”, e por outra, “un desprezo absoluto polo Parlamento”. En resumo, “incoherencia e hipocrisía”.
A parlamentaria socialista tamén tirou de historia para recordar que o PP “é o principal responsable de que Galicia non teña unha boa planificación do seu potencial enerxético”, cun plan sectorial eólico de 1997 que non está adaptado á lexislación actual, nin estatal nin europea. Respecto do novo plan que “chega agora” incluído na lei de medidas dos Orzamentos, aventurou que pasarán “un mínimo de tres anos ata que o vexamos”. “Tarde, mal e a rastro”, insistiu.
“O sector eólico aínda arrastra a decisión nefasta, caprichosa e partidista de Feijoo cando chegou ao Goberno no ano 2009”, asegurou Iglesias sobre a orde de paralizar o concurso do Goberno de Emilio Pérez Touriño, unha medida coa que se eliminou de golpe o desenvolvemento de proxectos por un total de 2.325 megawatts, con investimentos no entorno dos 5.000 millóns de euros. “A realidade é que de ser a primeira potencia eólica pasamos agora á cuarta posición”, explicou sobre as consecuencias de “16 anos de tempo perdido”.
Con todo, Patricia Iglesias mostrou a disposición dos socialistas a “seguir tendendo a man” para chegar a acordos “con todos os grupos parlamentarios” e formalizar un pacto pola enerxía e a industria en Galicia. “Xogámonos moito como país. Miremos con luces longas. Solucións é o que queren ver todos os actores implicados”, concluíu.