A proposta do Banco Público de Alugueres permitiría mobilizar até 5.000 vivendas desocupadas nas principais cidades, co apoio dun investimento de 20 millóns de euros anuais, cun obxectivo claro: que o custo do aluguer non supere o 30% do salario dos inquilinos
Este sistema permitiría que a Xunta alugue directamente as propiedades desocupadas a prezo de mercado, garantindo aos propietarios seguridade, mantemento e o pago do aluguer. Así, a administración podería ofrecer eses inmobles a prezos accesibles
O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, interpelou ao presidente Alfonso Rueda pola inacción do goberno autonómico no contexto da grave crise de acceso á vivenda que sofren milleiros de galegos. Besteiro subliñou a necesidade urxente de crear un Banco Público de Alugueres, como medida inmediata para garantir un aluguer accesible e estabilizar o mercado, especialmente en zonas urbanas tensionadas.
Na súa intervención no Pleno, Besteiro destacou que a Constitución española e o Estatuto de Autonomía de Galicia recoñecen o acceso á vivenda como un dereito e unha competencia exclusiva da Xunta. Con todo, sinalou que, baixo a administración de Rueda, a inacción e a especulación teñen agravado o problema, deixando dúas xeracións en risco de exclusión do mercado de aluguer.
O portavoz socialista expuxo os datos alarmantes: desde 2015, o prezo do aluguer incrementouse un 58%, mentres que os salarios só medraron un 25%, o que forza aos mozos galegos a destinar ata o 50% dos seus ingresos mensuais ao aluguer. “Este sistema é insostible para calquera que queira vivir con dignidade en Galicia”, afirmou Besteiro.
Banco Público de Alugueres: unha solución inmediata e viable
Besteiro insistiu en que, mentres non se poida ampliar o parque de vivenda pública a longo prazo, Galicia precisa unha solución áxil e eficaz para afrontar a crise do aluguer. A proposta do Banco Público de Alugueres permitiría mobilizar até 5.000 vivendas desocupadas nas principais cidades, co apoio dun investimento de 20 millóns de euros anuais, cun obxectivo claro: que o custo do aluguer non supere o 30% do salario dos inquilinos.
Este sistema permitiría que a Xunta alugue directamente as propiedades desocupadas a prezo de mercado, garantindo aos propietarios seguridade, mantemento e o pago do aluguer. Así, a administración podería ofrecer eses inmobles a prezos accesibles, asegurando un mínimo de estabilidade aos milleiros de galegos que sofren a actual escalada de prezos.
A intervención de Besteiro fixo tamén referencia ás iniciativas exitosas doutras comunidades autónomas, como Euskadi e Catalunya, que puxeron en marcha ambiciosos plans de vivenda pública e programas de aluguer social. Neste contexto, o portavoz socialista cuestionou a pasividade do goberno de Rueda: “Mentres en Galicia o goberno se limita a facer promesas baleiras, outras comunidades demostran que existen alternativas reais e comprometidas”.
Besteiro concluíu a súa intervención esixindo ao presidente Rueda un compromiso real coa cidadanía galega: “A xente quere vivenda, señor Rueda, non titulares. As galegas e galegos precisan dunha solución xa, están fartos da súa autopromoción diaria. Queren unha vivenda digna, as contas claras e menos contos.”