O voceiro da executiva do PSdeG condenou en rolda de prensa os ataques orquestados pola ultradereita ,”que só buscan aproveitarse da dor”
Financiamento, vivenda e igualdade protagonizarán este mes os próximos Diálogos con Raíz dos socialistas, o primeiro deles esta fin de semana en Santiago
O Comité Nacional Galego reunirase no mes de decembro para convocar oficialmente o Congreso Nacional do PSdeG, previsto para finais do inverno ou comezos da primavera
O voceiro da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, fixo hoxe unha condena rotunda e firme dos actos violentos promovidos por “grupúsculos de ultradereita” en Valencia, incluíndo os intentos de agresión dirixidos contra o presidente da Generalitat, o presidente do Goberno de España, o Rei e a Raíña. Torrado denunciou que “estes ataques buscan aproveitar o sufrimento das persoas para sementar odio, caos e división, con fins antidemocráticos que atentan contra os valores de convivencia”.
Desde o PSdeG, insístese na necesidade de non tolerar nin xustificar este tipo de violencia, e de evitar que o populismo extremista que promove a ultradereita faga calar ás institucións democráticas ou condicione a sociedade.
Julio Torrado compareceu ante os medios para informar sobre os temas principais da reunión da Executiva, destacando a súa denuncia enérxica ante os recentes ataques da ultradereita en Valencia.
Tamén criticou a pasividade inicial de algúns partidos galegos á hora de condenar esta violencia. “Non é tolerable que, ante unha situación tan grave, certas formacións políticas en Galicia optaran por gardar silencio ou tardaran en alzar a voz para condenar estes actos violentos”. “Galicia precisa líderes claros e contundentes cando se trata de defender a democracia e a convivencia, sen dobres linguaxes nin cálculos partidistas”, sinalou.
O voceiro socialista instou a todas as forzas políticas a unirse nunha condena inequívoca contra a violencia, “sen excepciós nin medias tintas”.
Ciclo de Diálogos con Raíz
Outro dos temas centrais tratados na reunión foi o ciclo de conferencias e coloquios “Diálogos con Raíz”, co que o PSdeG está a promover debates sobre temas de actualidade en Galicia con expertos de diversos ámbitos. Este mes de novembro, organizaranse tres encontros clave: o día 9 en Santiago de Compostela sobre financiamento e distribución de competencias; o día 16 en Pontevedra, cunha xornada sobre igualdade e a creación da Escola de Pensamento Feminista do PSdeG; e o día 23 en Vilagarcía, centrado no acceso á vivenda, “un problema urxente e de relevancia para as galegas e galegos”.
Proceso congresual do PSdeG
Por último, Torrado informou sobre os próximos pasos do proceso congresual do PSdeG. A finais de novembro, o partido participará no Congreso Federal do Partido Socialista en Sevilla, cunha delegación galega encabezada por José Ramón Gómez Besteiro. Ademais, o Comité Nacional Galego reunirase no mes de decembro para convocar oficialmente o Congreso Galego, previsto para finais do inverno ou comezos da primavera do próximo ano, coa intención de actualizar o programa político e reforzar o compromiso coas políticas sociais e democráticas que benefician a toda a cidadanía galega.