Lara Méndez rexeita uns orzamentos “continuístas”, que “ogallá foran as contas da leiteira, da vinícola e da gandeira”
A portavoz de Agricultura e Gandaría do Grupo Socialista, Lara Méndez, criticou hoxe que os orzamentos de Medio Rural para o próximo ano reducen un 13 por cento as partidas contra o despoboamento. Na comparecencia da conselleira para presentar no Parlamento as contas do próximo ano, Méndez lamentou que vaian “no sentido contrario” no canto de garantir unhas condicións de vida dignas da poboación do rural.
Méndez reclamou a mellora das rendas da poboación rural, unido ao reforzo dos servizos públicos para garantir a supervivencia do medio e que vivir “non sexa un acto heroico”. Pola contra, o goberno galego reduce de 64 a 56 millóns de euros nas partidas para fixación de poboación e reduce un 20 por cento o programa de infraestruturas e equipamentos nunhas contas que malia un lixeiro crecemento ven reducidos un 2 por cento os capítulos de investimento e axudas.
Acusou ao goberno galego de mirar para outro lado mentres nos últimos 6 anos pechaban 2.700 explotacións agrarias porque non cubren os custes de produción nun medio no que tan só o 12 por cento da poboación ten menos de 44 anos.
A responsable socialista retrucoulle á conselleira, que se gababa de que estas “non son as contas da leiteira”, sinalando que “ogallá foran as contas da leiteira, da vinícola, da gandeira e dos homes e mulleres que viven no rural”. Criticou que unha programación “continuísta” cun medio que esmorece polo despoboamento acelerado diante da pasividade do goberno galego, que toma uns orzamentos escasos de partida para rematar cada exercicio cunha execución “bastante menor”.
Afeoulle á conselleira que a execución dos orzamentos quede ano tras ano apenas no 75 por cento sobre o crédito inicial, o que evidencia “falla de compromiso co rural” por parte dun goberno galego ao que, dixo, fáltalle levar á práctica os anuncios que fixa nos Orzamentos.
Plan Forestal
Lara Méndez afeoulle á conselleira que continúe sen presentar o Plan Forestal “máis alá dun anuncio futurible” nunhas contas que continúan centradas no gasto na defensa do monte, cando “a mellor prevención é ofrecer un apoio claro ao sector, centrando os esforzos na mellora da produtividade das terras.