O secretario xeral do PSdeG apelou, na entrega do premio Luís Tilve a Cándido Méndez, aos “principios da cohesión social, a cohesión territorial e a igualdade” para crear unha sociedade “mellor, máis xusta e máis equitativa”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, valorou hoxe na cerimonia de entrega do premio Luís Tilve o papel “tan importante” das forzas sindicais para afianzar a democracia. Pese a que ese papel “pasou máis desapercibido”, dixo, foi clave para “loitar polos dereitos dos traballadores ao mesmo tempo que soubo vivir a responsabilidade do momento”.
O líder socialista destacou “o legado” do ex secretario xeral da UGT, Cándido Méndez, a persoa galardoada este ano, como unha dirección na que se debe traballar “por unha sociedade mellor, máis xusta e máis equitativa”. Para elo, Besteiro chamou a transmitir “a toda a sociedade ese compromiso social que nos leve a recuperar a conciencia de clase, sobre todo no momento que vivimos”.
Fronte a perda do “espírito solidario, colectivo, nunha sociedade cada vez máis individualista”, apelou aos “principios da cohesión social, da cohesión territorial e a igualdade”. “Ás veces temos que acudir a criterios simples para saber onde ten que estar cada un: basta ver quen está ao outro lado”, asegurou o secretario xeral do PSdeG.
José Ramón Gómez Besteiro asegurou que, neste momento, “económicamente, prosperamos e xeramos riqueza, e somos capaces de dotarnos dun sistema de pensións máis forte e garantilo de cara ao futuro”. Eso prodúcese nun contexto no que “a gran discusión” que se vive Europa invita a “facer forte o público”.