Acusa á Xunta de reducir o gasto en vivenda e infraestruturas mentres renuncian a 258 millóns por exencións fiscais ás grandes fortunas e regalan 300 millóns polo rescate de 4 autovías polas que os galegos “non pagan un euro”
Acusa ao goberno galego de incorporar cada ano os orzamentos das mesmas infraestruturas que nunca executan para “seguir alongando os compromisos de vías imprescindibles”
O portavoz de Infraestruturas e Vivenda do Grupo Socialista, Carlos López Font, criticou que os Orzamentos do goberno galego para 2025 “non dan resposta ás demandas de vivenda” e “seguen aprazando indefinidamente a execución de infraestruturas viarias vitais para o desenvolvemento de Galicia”. López Font interveu na comparecencia da conselleira de Vivenda e Infraestruturas para dar conta dos Orzamentos para o ano 2025.
O responsable socialista criticou que reduzan o gasto en vivenda e infraestruturas mentres renuncian a ingresar 258 millóns de exencións fiscais que benefician ás grandes fortunas e lles “regalan” 300 millóns de euros ás construtoras cun rescate de 4 autovías polas que os galegos “non pagan hoxe nin un só euro”. Apunta que suman 560 millóns que “mellorarían uns orzamentos continuístas no aspecto negativo”.
López Font acusou ao goberno galego de deseñar unhas contas “cómplices cos que máis teñen, coas grandes fortunas” polas exencións fiscais, coas construtoras polo rescate das autovías e “cómplices coas grandes empresas, sexan do sector da banca, das enerxéticas ou de calquera outro sector”. Advertiu que as contas da Xunta “deberan ser cómplices, pero dos que menos teñen, e envorcarse en gasto social directo para aqueles que máis o necesitan”.
Sinalou a “falta de credibilidade” do goberno galego en materia de vivenda pola redución das partidas destinadas ao programa de acceso á vivenda dende a súa chegada ao goberno en 2009, e logo de que nos seis primeiros meses deste ano non executaran “nin un só euro” dos 85 millóns orzados neste programa. Apuntou que “é evidente que o Orzamento para 2025 non dará resposta ás demandas de vivenda” da cidadanía galega.
O responsable socialista lembrou que na actualidade hai 18.000 persoas no Rexistro de demandantes de vivenda pública do goberno galego e o único que ofrece é “incompetencia” despois de 15 anos nos que deixaron sen executar 270 millóns do programa de acceso á vivenda. Aludiu tamén e á xestión desastrosa do bono alugueiro mozo, que non chegou a centos de mozos e mozas que teñen que destinar máis da metade do seu salario ao pago da vivenda.
Infraestruturas
Carlos López Font criticou a “hipocrisía” do goberno galego, que ao tempo que reclama a gratuidade da AP-9 esquece as peaxes autoestradas AG-55 Vigo – Baiona e AG-57 Coruña – Carballo de competencia autonómica. Criticou que se neguen a realizar un estudo para coñecer o custe da gratuidade destas dúas autoestradas autonómicas pola vía do rescate.
Apuntou que “igual a cantidade que custa o facelas gratuítas é de 300 millóns de euros, que os galegos preferirían que as destinaran a liberar estas peaxes no canto de pagarlle ás construtoras de 4 autovías por unhas peaxes que hoxe non están a pagar”.
O responsable socialista acusou ao goberno galego de incorporar cada ano aos orzamentos as mesmas infraestruturas que nunca executan para “seguir alongando compromisos históricos de demandas de vías imprescindibles”.
Puxo un exemplo de cada provincia, como a VAP Tui – A Guarda, á que destinan só 9 dos 71 millóns que necesita, a Vía de Alta Capacidade da Costa da Morte, que ten orzados 4,7 millóns cando necesitaría 35, a conversión en autovía do corredor Nadela – Sarria, que só recibirá 2 dos 36 millóns que precisa, ou a Circunvalación Leste de Ourense, con só un millón dos 10 necesarios.