Urxe ao goberno galego a asumir as súas competencias e facer cumprir os contratos de transporte por estrada ou que “sexan valentes e fagan novas concesión”
O portavoz de Transporte do Grupo Socialista, Carlos López Font, esixiulle hoxe á Xunta que atenda ás milleiros de incidencias que padecen cada día os usuarios de bus en Galicia. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento -que será votada mañá- para esixirlle á Xunta que faga seguimento e obrigue ao cumprimento dos contratos das empresas de transporte de viaxeiros por estrada.
López Font sinalou que “se os axustes necesarios son novas concesións, terán que ser valentes e rectificar” facendo novas concesións para garantir os obxectivos do Plan de Transporte Público por estrada, tal e como apuntou o propio conselleiro de Presidencia, que recoñeceu que o transporte na comarca do Barbanza debería saír novamente á licitación.
Apuntou que o que non pode facer o goberno galego en ningún caso é “non dar resposta, evitando atender debidamente ás queixas, e sen unha planificación adaptada ao momento actual”. Engadiu que as queixas reiteradas dos usuarios e usuarias “deberan obrigar ao goberno galego a dar resposta, pero tamén servir como experiencia para tomar medidas correctoras, incrementar as dotacións e adaptar os itinerarios para atender á demanda dos usuarios e usuarias”.
Sinala que o desenvolvemento do servizo está a ser “claramente insatisfactorio” en Galicia polo incumprimento reiterado dos pregos por parte das concesionarias, mentres o goberno galego elude a súa responsabilidade e “como consecuencia, o servizo deteriórase. Alerta do incumprimento de horarios, cambios repentinos, buses cheos que deixan a pasaxeiros a pé de rúa, cambios de itinerarios sen aviso como parte do rosario de irregularidades.
Sinala que as queixas dos usuarios, xunto coas alertas do Consello de Contas diante destas deficiencias e as resolucións xudiciais a favor das denuncias impostas polos empresarios deberan obrigar ao goberno galego a “dar resposta” e mudar o esquema inicial, ademais de incrementar as dotacións e adaptar os itinerarios para dar demanda aos usuarios. Sinala que a Xunta “non está a dar resposta, non atendendo ás queixas e sen unha planificación adaptada ao momento actual”..